A CEG lembra que en Galicia “as persoas autónomas non son só a base de moitos oficios, senón tamén e principalmente son xeradoras de novas empresas”
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) trasladou unha serie de necesidades fundamentais do colectivo de persoas traballadoras autónomas e propostas para palialas a Irene Garrido, deputada nacional e coordinadora de Economía do Partido Popular; Pedro Puy, deputado nacional e presidente da Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital do Congreso; Jaime de Olano, deputado nacional e portavoz adxunto do Grupo Popular no Congreso; Marta González, Francisco Conde, Tristana Moraleja e Cristina Abades, deputados nacionais e Rosa Sánchez Gándara, senadora do PP.
Destacan que “as persoas autónomas son a base non só de moitos oficios senón principalmente da xeración de novas empresas e desenvolvemento económico. Se non coidamos a base da xeración de tecido produtivo, limitamos a nosa capacidade de xerar valor e riqueza”.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, asegura que “consideran urxente dotar ao autónomo dunha verdadeira seguridade xurídica, fiscal e social, eliminando as barreiras que actualmente desincentivan o emprendemento e penalizan o desenvolvemento da actividade económica”. No caso de Galicia, convén lembrar que continúa sendo a comunidade con maior número de persoas traballadoras autónomas por cada habitante de entre 16 e 64 anos (127,6), segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social.
A iso súmase un dato recolleito no informe GEM 2024-2025: a taxa de actividade emprendedora (TEA) sitúase no 6,5%, a cifra máis alta da última década. Neste sentido, Vieites subliña que “a pesar do seu liderado, Galicia rexistra unha redución gradual no número de persoas autónomas, motivada principalmente por tres factores: o envellecemento poboacional e a falta de substitución xeracional, a diminución da actividade agrícola e comercial e a elevada mortalidade empresarial nos primeiros anos de vida dos proxectos”.
No ámbito económico e fiscal, a prioridade absoluta é achegar certeza. “Isto require, por exemplo, establecer que a obrigación de cotizar naza unicamente cando os rendementos superen o Salario Mínimo Interprofesional en cómputo anual, evitando así a asfixia de quen inicia unha actividade ou contan con ingresos marxinais”.
Así mesmo, continúa pendente a transposición da Directiva (UE) 2020/285, que prevé a implantación do réxime de IVE franquiado para facturacións inferiores a 85.000 euros. Esta medida liberaría a miles de profesionais de cargas administrativas innecesarias e permitiría mellorar a súa competitividade tanto a nivel nacional como europeo, onde numerosos países xa o aplican.
A isto engaden a demanda histórica de objetivar os gastos deducibles, permitindo imputar ao 50% os gastos recorrentes como vehículo ou subministracións sen a actual inseguridade xurídica #ante Facenda.



En materia de acceso ao financiamento e fondos europeos é imprescindible: incrementar os esforzos para que as persoas autónomas (e PEMES) poidan acceder a préstamos con condicións vantaxosas e desenvolver programas de capacitación para que poidan elaborar proxectos sólidos e cumprir os requisitos para acceder a fondos europeos. Desde a perspectiva da protección social, é fundamental mellorar os mecanismos de apoio para os colectivos máis vulnerables, para equiparar progresivamente os dereitos do autónomo cos do resto de traballadores, reforzando o seu benestar, reducindo riscos e favorecendo unha contorna que impulse o emprendemento.
En materia de dixitalización e internacionalización, resulta fundamental apoiar ás persoas autónomas e ás PEMES na identificación das súas necesidades tecnolóxicas e na súa adaptación a novos modelos de negocio. Un informe de IPSOS, só un 35% utiliza software de facturación e outro 35% de forma manual, mediante papel ou Excel.
Tamén aluden á reforma da xubilación, propoñen eliminar a obrigatoriedade de esperar un ano para acceder á xubilación activa e facilitar a substitución xeracional permitindo a figura do colaborador non familiar.
En canto ás necesidades do autónomo rural sinalan que difiren notablemente das do autónomo urbano, debido á menor dispoñibilidade de servizos, a dispersión xeográfica e as dificultades en mobilidade, dixitalización ou acceso a recursos. “Resulta fundamental promover o rexuvenecemento do traballo autónomo no sector agrario, facilitando a incorporación de máis profesionais, impulsando a substitución xeracional e apoiando a modernización de explotacións e actividades vinculadas ao territorio”.
Por outro lado, é necesario avanzar na creación de liñas de apoio específicas para actividades económicas esenciais no medio rural que garantan a prestación de servizos básicos á poboación. Entre elas destacan o comercio de proximidade e alimentación, así como profesións vinculadas a oficios tradicionais -albañilería, electricidade, fontanería, pintura, salón de peiteado, entre outros-, cuxo papel é clave para a cohesión social e a calidade de vida das comunidades rurais e a fixación de poboación.
Do mesmo xeito, débense implementar medidas que freen o elevado peche de explotacións agrogandeiras, establecendo apoios tamén para as explotacións existentes, xunto con plans de xestión dos terreos que deixan de utilizarse cando estas desaparecen, especialmente en zonas de montaña e en áreas de alto valor ambiental, co fin de evitar riscos como os incendios forestais.
Contacta coa
CEG