gl
  • es
  • gl
Home > A CEG rexeita frontalmente a utilización da fiscalidade, a contratación pública e as cotizacións sociais “como instrumentos de presión ideolóxica, penalizando ás empresas que non se axusten a un modelo definido unilateralmente polo Goberno”

A CEG rexeita frontalmente a utilización da fiscalidade, a contratación pública e as cotizacións sociais “como instrumentos de presión ideolóxica, penalizando ás empresas que non se axusten a un modelo definido unilateralmente polo Goberno”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) mostra a súa profunda preocupación polo contido do informe sobre democracia no traballo presentado pola vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, “e polo enfoque ideolóxico que volve impregnar as iniciativas do seu departamento, unha vez máis afastadas da realidade económica e empresarial do noso país e, en particular, do tecido produtivo galego”.

O informe expón un cambio radical do modelo empresarial e de relacións laborais “baixo o pretexto” do desenvolvemento do artigo 129.2 da Constitución, pero faio, -din-, “mediante propostas que supoñen unha intervención directa na propiedade privada, na liberdade de empresa e na capacidade de xestión, alicerces básicos de calquera economía moderna e competitiva”.

O presidente do empresariado galego, Juan Manuel Vieites, explica que resulta especialmente preocupante que se propoña a entrada obrigatoria de representantes dos traballadores nos consellos de administración, con cotas de ata a metade dos asentos en determinadas empresas, así como a atribución de dereitos de veto e capacidade decisoria en materias estratéxicas. “Esta formulación non só desnaturaliza a función do órgano de administración, senón que introduce un risco evidente de bloqueo na toma de decisións, perda de axilidade e conflitos de interese que poden comprometer a viabilidade das empresas”.

En canto ao acceso obrigatorio dos traballadores ao capital da empresa, a CEG considera inaceptable que se pretenda impor porcentaxes de participación accionarial sen achega económica algunha, sen asunción de riscos patrimoniais e sen responsabilidades equivalentes ás do resto de socios. “Recoñecer aos traballadores como investidores laborais sen investimento nin risco real supón unha distorsión do concepto mesmo de propiedade e unha grave inseguridade xurídica para empresarios, investidores e emprendedores”.

Así mesmo, rexeitan frontalmente a utilización da fiscalidade, a contratación pública e as cotizacións sociais “como instrumentos de presión ideolóxica, penalizando ás empresas que non se axusten a un determinado modelo de democracia interna, definido unilateralmente polo Goberno. Este enfoque introduce unha discriminación inaceptable entre empresas, desincentiva o investimento e sitúa a España en clara desvantaxe competitiva fronte á nosa contorna europea”.

Vieites lembra que o tecido empresarial galego está formado maioritariamente por pemes e empresas familiares, moitas delas con dificultades reais de substitución xeracional. “En lugar de facilitar a súa continuidade e crecemento, este tipo de propostas xeran incerteza, desconfianza e unha mensaxe moi negativa para quen arriscan o seu patrimonio, crean emprego e sosteñen a actividade económica”.

Dende a CEG reiteran que a participación dos traballadores, o diálogo social e a mellora das condicións laborais son obxectivos lexítimos e compartidos, pero deben alcanzarse a través do acordo, a negociación colectiva e o respecto ao marco constitucional e europeo, non mediante imposicións que pon en cuestión a propiedade privada e a liberdade de empresa.

“Pedimos ao Goberno e, en particular, ao Ministerio de Traballo, que abandone as ocorrencias ideolóxicas e céntrese en políticas realistas, orientadas a mellorar a produtividade, reducir a carga burocrática e fiscal, e reforzar a competitividade das nosas empresas, que son as únicas capaces de xerar emprego estable e riqueza sustentable en Galicia e no conxunto de España”, urxe Vieites.