gl
  • es
  • gl
Home > A CEG participa no encontro bilateral de CEOE con CONFINDUSTRIA chamando a atención sobre que “a inacción pon en risco non só a nosa competitividade, senón a nosa soberanía”

A CEG participa no encontro bilateral de CEOE con CONFINDUSTRIA chamando a atención sobre que “a inacción pon en risco non só a nosa competitividade, senón a nosa soberanía”

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, participou no encontro bilateral da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) coa Confederación Xeral da Industria Italiana (CONFINDUSTRIA), para falar de cohesión dentro do mercado único e próximo marco financeiro plurinanual.

Falando da necesidade de deseñar un orzamento europeo a longo prazo, ambicioso, Vieites sinalou que “é necesario actuar xa, a inacción pon en risco non só a nosa competitividade, senón a nosa soberanía. A política de cohesión e o novo marco financeiro deben orientarse a investir con rapidez e escala nas prioridades europeas: descarbonización, redes enerxéticas e preparación ante crise”.

Advirte que “debemos repensar o deseño do Marco Financeiro 2021?2027: máis flexible, máis transparente e máis capaz de responder con axilidade, todo iso sen caer nun exceso de incerteza que poña en risco o atractivo investidor do continente”.

Así mesmo, subliñou a preocupación da CEG pola desaparición do actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e a redución dos fondos específicos de máis de 6.000 millóns a apenas 2.000 millóns de euros. “Este recorte obrigará ao sector a competir nun macrofondo con novas prioridades, perdendo visibilidade e capacidade de planificación. Máis aínda, o modelo proposto pola Comisión deixa a discreción dos Estados membros as prioridades e criterios de repartición duns recursos que son esenciais para impulsar a competitividade e a sustentabilidade da frota e das instalacións incluídas ao sector mar industria. Galicia, como principal rexión pesqueira da Unión Europea, necesita claridade, seguridade e un marco xusto, non incerteza nin desigualdades que rompan a equidade do mercado interior”, di.

Tamén fixo alusión a que a cohesión tamén pasa polas infraestruturas. “Galicia tivo que esperar ata 2023 para que a Rede Transeuropea de Transportes incluíse a ligazón ferroviaria Vigo-O Porto dentro do Corredor Atlántico. É un paso adiante, pero necesitamos acelerar e priorizar os proxectos en curso da RTE-T, en particular os transfronteirizos, para cohesionar aínda máis nosa eurorrexión. Apostamos por unha conectividad moderna e multimodal, que integre transporte, enerxía e dixitalización como verdadeiros vectores de competitividade”.

E engadiu que “sen unha rede eléctrica reforzada corremos o risco de frear a reindustrialización e perder investimentos estratéxicos. Urxe unha planificación máis ambiciosa, maiores investimentos e eliminar pescozos de botella regulatorios para garantir que a transición enerxética vaia acompañada da infraestrutura que os nosos territorios necesitan. Por iso, contemplamos con certa inquietude a nova arquitectura financeira que expón a Comisión, que mina de maneira significativa a política de cohesión e introduce cambios profundos na gobernanza dos fondos europeos”.

Sobre a creación dos chamados Plans de Asociación Nacionais e Rexionais -que agruparán distintos instrumentos financeiros e afectarán a ámbitos estratéxicos como a cohesión, a PAC ou a política pesqueira- que poden ter consecuencias notables, puntualiza que “faise imprescindible intensificar aínda máis o diálogo e a interacción coas empresas e o sector privado en toda a UE. Só así poderemos deseñar políticas realmente eficaces e eficientes, que respondan as necesidades do terreo e ao mesmo tempo mobilicen o investimento que Europa require con maior rapidez, concentrando recursos alí onde o impacto sexa máis decisivo”.

Para rematar, concluíu que “neste escenario, reforzar a unidade da UE convértese non nunha opción, senón nunha necesidade. E aquí as nosas organizacións, CEG, CEOE e CONFINDUSTRIA temos unha responsabilidade que transcende a lexítima defensa dos intereses das nosas empresas. A nosa tarefa é tamén contribuír a facer de Europa un espazo máis cohesionado, resiliente e competitivo, capaz de seguir sendo referencia mundial en prosperidade, innovación e democracia”.