gl
  • es
  • gl
Home > A CEG organiza, no marco do EURES Transfronteirizo Norte de Portugal – Galicia, unha xornada sobre desafíos do sector do transporte por estrada

A CEG organiza, no marco do EURES Transfronteirizo Norte de Portugal – Galicia, unha xornada sobre desafíos do sector do transporte por estrada

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizou, no marco do EURES Transfronteirizo Norte de Portugal – Galicia, a xornada “Transporte e Loxística Transfronteiriza na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal”, centrada nos desafíos e oportunidades do sector do transporte por estrada, clave para o emprego transfronteirizo na eurorrexión.

Celebrada en Vigo, na Fundación CETMAR, durante a sesión abordáronse os cambios relevantes do Paquete de Mobilidade I europeo; os problemas estruturais de contratación no sector; as ferramentas para a mobilidade laboral e empresarial transfronteiriza; e os aspectos fiscais, legais e resolución de controversias no transporte internacional. O obxectivo é ofrecer ás empresas información útil e solucións prácticas para facilitar a súa actividade diaria e mellorar os seus procesos de contratación e xestión.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, asegura que “formar parte do EURES Transfronteirizo Norte de Portugal – Galicia permítenos actuar directamente na promoción da mobilidade laboral e empresarial e continuar traballando para eliminar ou, na medida do posible, atenuar os obstáculos que aínda existen na nosa Eurorrexión”.

En Galicia sectores como a industria manufacturera, a hostalaría ou o transporte son os principais contratantes de traballadores portugueses, mentres que na veciña rexión norte tamén é a industria manufacturera, o principal sector no que os traballadores españois declaran percibir remuneracións.

No ano 2024 realizouse en Galicia máis de 700 novos contratos a traballadores residentes en Portugal, mentres que na rexión norte foron máis de 2.000 os traballadores españois residentes en España os que declararon percibir remuneracións nesa rexión.

O número de desprazamentos de traballadores consolídase tamén como unha práctica habitual nas nosas empresas. No ano 2024 foron máis de 12.000 traballadores galegos os que foron desprazados a Portugal e máis de 3.500 os traballadores da rexión norte que foron desprazados para prestar os seus servizos en España.

“Todos estes datos confirman a relevancia que a mobilidade laboral ten na nosa eurorrexión, especialmente en sectores como o transporte de mercadorías por estrada, que se consolidou como un dos principais motores de contratación transfronteiriza en Galicia, e onde a incorporación de persoas traballadoras de terceiros países é cada vez máis significativa”, afirma Vieites.

Entre os datos que manexa a CEG para a elaboración do Informe de Indicadores de Mobilidade Transfronteiriza, que desenvolve desde o ano 2009, “reflicten como o sector de transporte e almacenamento será en 2024 o que maior número de afiliados de nacionalidade portuguesa teña en Galicia, con máis de 1.500 persoas”.

Na xornada participaron Teresa González, coordinadora do EURES Transfronteirizo Norte de Portugal – Galicia; Ramón Alonso, presidente de FEGATRAMER; Nuno Almeida, subdirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal; Jaime Aneiros, que abriu o bloque técnico abordando as cuestións crave da tributación de empresas e traballadores transfronteirizos; José Antonio Magdalena, de CEOE, que falou sobre a regulación da mobilidade na UE; Ana Pouso, xefa provincial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra; Raquel García, avogada e árbitra da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia; José Carlos García, secretario xeral de FEGATRAMER.