A CEG leva, ao delegado do Goberno en Galicia, “a necesidade dun traballo conxunto, buscando, desde a seguridade xurídica e a legalidade constitucional, que as competencias no litoral se exerzan segundo corresponda e non mediante imposicións”
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, reuniuse co delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, para abordar as implicacións da modificación do Regulamento Xeral de Costas, segundo o texto publicado, o 09 de marzo do 2026, na páxina do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e trasladar as alegacións presentadas por parte da Comisión Mar Industria á consulta pública previa.
Vieites expresa a “fonda preocupación existente dentro do tecido empresarial galego, sobre todo polos alcances que poidan ter ditas modificacións. Debemos seguir todos unidos, nesa colaboración público-privada, para tentar presentar en Bruxelas un cambio de normativa, pensamos que primeiro debería ser a Lei de Costas e logo o Regulamento”.
Insiste en que “é preocupante, porque se cambian, -como dicimos en Galicia-, ”os marcos’ de como estaban as concesións empresariais, xerando incerteza para os investimentos e non vai na boa dirección para o mundo empresarial. Cuestións que veño expor ao Goberno, a través do delegado”.
O presidente do empresariado galego confía en que “cheguemos a acordos”. E solicitarán unha reunión co Ministerio de Transición Ecolóxica ou coa Dirección xeral de Costas ou co secretario de Estado, “para que, polo menos, escoiten a un sector estratéxico en Galicia. Levamos traballando nesta Lei de Cotas, desde 2018, tentamos buscar que as actividades que levan máis de 150 anos no noso territorio non se vexan prexudicadas e as que se poidan trasladar a outro lugar, benvido sexa, pero sen quebrantar a situación actual, porque moitas das actividades do sector mar industria necesitan a auga de mar, para unha serie de usos”.
Así mesmo, destaca que “as cousas resólvense por consenso, traballando nesa liña de colaboración público-privada”.
Desde o empresariado galego inciden en que “seguiremos defendendo os nosos intereses, a través da colaboración público-privada, como pretendemos con esta reunión, por un sector fundamental na nosa rexión. Debemos traballar conxuntamente, desde o punto de vista xurídico e político, por iso iniciamos contactos co mundo empresarial doutras comunidades autónomas, afectadas, para que non se prexudique ás empresas, con actividade, nos que xeraron moitísimo emprego, cumprindo coa normativa”.
Vieites insiste en que “todos defendemos o medio ambiente e a sostibilidade das nosas rías, somos conscientes, pero debemos incidir en que moitas empresas do sector mar industria necesitan captar auga do mar para traballar. Por tanto, hai modificacións poderían prexudicar ao sector. Insistimos na necesidade dun traballo conxunto, unidos, buscando, desde a seguridade xurídica e a legalidade constitucional, que as competencias se exerzan segundo corresponda e non mediante imposicións”.
Sabadell Galego e CEG poñen a disposición das empresas galegas 300 millóns de euros
Ler máis
Contacta coa
CEG