A CEG lamenta o rexeitamento sistemático promovido desde determinados ámbitos á implantación de novos proxectos en Galicia
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) alerta de que “falta unha contorna propicia, mecanismos áxiles, seguridade xurídica e un compromiso político e social que estea á altura dos desafíos globais que enfrontamos”. Así pois, lamentan “o rexeitamento sistemático, promovido desde determinados ámbitos, á implantación de novos proxectos en Galicia”.
Din que”non é coherente reclamar sostibilidade, mentres se impide o desenvolvemento de proxectos que xustamente buscan avanzar nesa dirección. Non é viable falar de reindustrialización ou de transición ecolóxica se cada iniciativa innovadora que fai realidade un modelo de economía circular necesario no rural convértese en obxecto de bloqueo ou parálise”.
Aluden ao proxecto LuGaz, concibido por Grupo Lence, Norvento, Agroamb e Medrar Smart Solutions, cun investimento de máis de 9 millóns de euros, dos cales máis de 7 estaban financiados con fondos procedentes da UE. Unha iniciativa viable, baseada na produción de biogás a partir de residuos lácteos e gandeiros, promovendo a economía circular, reducindo emisións e xerando emprego no rural.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, explica que “LuGaz supón unha oportunidade real, financiada e aliñada cos obxectivos climáticos e económicos de Galicia e de Europa. Con todo, a frustración levou aos seus promotores a dar un paso atrás”.
Engade que “resulta preocupante que nin sequera aquelas iniciativas apoiadas e promovidas por empresas que demostraron sobradamente o seu compromiso co territorio logra convencer a certos sectores que parecen adoptar unha postura sistemática de oposición. De novo, parece que un slogan pesa máis que iniciativas deseñadas para responder aos novos modelos produtivos que esixen a lexislación europea e a loita contra o cambio climático”.
Desde o empresariado galego, insisten, “apostamos por unha industria responsable, rigorosa, avaliada e comprometida coa contorna; por un marco claro, estable e con visión de futuro. Apelamos ao apoio da cidadanía a proxectos que permitan transformar os recursos e capacidades que xa temos en emprego, innovación, desenvolvemento territorial e benestar para toda a cidadanía. Porque o verdadeiro risco está en quedarnos atrás”.
Vieites lamenta que “a implantación de calquera proxecto enfróntase a un camiño infestado de obstáculos, moitos deles máis ideolóxicos que técnicos. Parece que unha consigna preconcibida pesa máis que un proxecto que cumpre unha normativa esixente e que supón unha oportunidade de desenvolvemento para Galicia”.
Primeiro Encontro Bilateral entre a Confederación Canaria de Empresarios e a Confederación de Empresarios de Galicia
Ler máis
Contacta coa
CEG