gl
  • es
  • gl
Home > A CEG fomenta as oportunidades de colaboración empresarial entre Galicia, Asturias, Castela e León e Filipinas, “un aliado estratéxico en Asia”

A CEG fomenta as oportunidades de colaboración empresarial entre Galicia, Asturias, Castela e León e Filipinas, “un aliado estratéxico en Asia”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e AVCO Legal, en colaboración coa Embaixada de Filipinas en España, a través do Centro de Comercio e Investimentos de Filipinas, organizaron a xornada telemática: “Filipinas, porta de entrada no Sueste Asiático. Oportunidades de negocio”. O encontro espertou o interese de preto de 50 empresas de sectores e territorios diversos, non só de Galicia, senón tamén de Asturias, Cantabria e Castela e León.

Desde a CEG agradeceron o traballo en rede que se fai a través do Consorcio Galactea Plus, pertencente a Enterprise Europe Network (EEN). Distinguiron, ademais, Filipinas como país de entrada ao Sueste Asiático e a importancia da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN) como terceiro socio exterior da UE, tras EE.UU. e China.

O obxectivo da sesión foi presentar Filipinas como un mercado estratéxico para a internacionalización das empresas, destacando as súas vantaxes competitivas, sectores crave e oportunidades de investimento e colaboración empresarial e de descubrir como Filipinas pode converterse nun aliado estratéxico en Asia, así como de coñecer de primeira man as oportunidades de colaboración empresarial.

A xornada contou coa participación de Althea Karen Antonio, conselleira comercial do Centro de Comercio e Investimentos de Filipinas; Antonio Viñal, socio director de AVCO Legal; así como de representantes institucionais e empresarios/as con experiencia no mercado filipino.

Durante a xornada destacouse a Filipinas como porta de entrada ao mercado no Sueste Asiático; sendo a segunda economía que máis crece, despois de Vietnam.

Doutra banda, lembrouse que España figura entre o cinco principais países europeos tanto en exportacións como importacións con Filipinas, e que en 2024 o noso país foi o seu 24º socio comercial a nivel mundial. O PIB do país asiático crece a un 6 % anual e algúns dos sectores de interese para o empresariado son o automobilístico, a fabricación de coches eléctricos, as enerxías renovables, entre outros. Así mesmo, o país é rico en “metais verdes” como níquel, cobre e cobalto, fundamentais na fabricación de baterías.

Tamén, mencionouse que o Goberno filipino mantén un compromiso de gasto público en infraestruturas do 5-6 % do PIB até 2028, no marco da súa estratexia nacional de desenvolvemento e modernización. En paralelo, subliñouse a importancia das relacións entre a Unión Europea e Filipinas, en particular a través da iniciativa Global Gateway, que está a impulsar proxectos para o desenvolvemento sustentable do país.