gl
  • es
  • gl
Home > A CEG considera o investimento de Indra nas Pontes como unha excelente noticia para a reindustrialización galega e aproveita para reclamar rapidez administrativa, infraestruturas adecuadas e unha estratexia continuada de apoio ao investimento industrial

A CEG considera o investimento de Indra nas Pontes como unha excelente noticia para a reindustrialización galega e aproveita para reclamar rapidez administrativa, infraestruturas adecuadas e unha estratexia continuada de apoio ao investimento industrial

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) considera o investimento de Indra nas Pontes como unha excelente noticia para a reindustrialización galega, “pola súa capacidade para xerar emprego cualificado, atraer industria auxiliar, reforzar o ecosistema tecnolóxico e impulsar a competitividade de Galicia”.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, aproveita a ocasión para reclamar rapidez administrativa, infraestruturas adecuadas e unha estratexia continuada de apoio ao investimento industrial.

Indra elixiu definitivamente As Pontes (A Coruña) para instalar unha nova fábrica de vehículos militases, un proxecto que supón un dos maiores anuncios industriais en Galicia desde o peche da central térmica de Endesa. Entre as súas principais características destacan un investimento de ao redor de 18 millóns de euros; un emprego directo de entre 70 e 120 postos de alta cualificación, alén de emprego indirecto en provedores e servizos. En canto á súa capacidade industrial: xunto coa planta de Xixón, o corredor norte poderá producir ao redor de 500 vehículos anuais.
A planta formará parte da estratexia de Indra para crear un dos maiores polos europeos de plataformas terrestres de defensa, apoiándose en dixitalización, automatización e intelixencia artificial.

Para a CEG, a elección das Pontes ten varias lecturas: ”reutilización de chan industrial xa dispoñible tras o declive da actividade térmica; consolidar o eixo Ferrol-As Pontes-Vigo como un corredor de industria tecnolóxica e de defensa; complementar activos xa existentes en Galicia (Navantia, Urovesa, centros de Indra en Vigo e Rozas, empresas tecnolóxicas auxiliares); e que encaixa co aumento do gasto europeo en defensa e a política industrial impulsada polo Ministerio de Defensa”.

Vieites sinala que “a CEG leva anos reclamando proxectos industriais capaces de substituír a actividade perdida tras o peche da central térmica. A chegada dunha gran empresa tractora respondería precisamente a esa demanda. Desde a organización insistimos na creación de emprego estable; perfís tecnolóxicos; e na retención do talento galego, por tanto os postos anunciados encaixan claramente con iso”.

Así mesmo, incide no efecto tractor que terá sobre as pemes. “Valoramos especialmente os proxectos que xeran cadeas de subministración locais. E neste caso, é previsible que se xeren: oportunidades para empresas metalúrxicas; enxeñería; mantemento industrial; loxística; e dixitalización.

Outro elemento que pon en valor é a reutilización de infraestruturas industriais xa desenvolvidas nas Pontes. E, sobre todo, sobre o reforzo de Galicia como polo industrial engade que “a CEG defende unha Galicia con maior peso en sectores de alto valor engadido (industria, tecnoloxía, naval, aeroespacial, automoción). Un proxecto destas características reforzaría este argumento”.

Doutra banda, o presidente do empresariado galego engade certas reivindicacións, como a necesidade de axilizar licenzas administrativas; a mellora de infraestruturas loxísticas e enerxéticas; a formación profesional adaptada aos novos perfís industriais; a estabilidade regulatoria para atraer máis investimentos; e o aproveitamento de fondos europeos e colaboración público-privada.

O posicionamento da CEG insisten baséase na creación de emprego; o investimento produtivo; a innovación; a capacidade exportadora; e o fortalecemento do tecido empresarial.