A CEG asesora ás empresas para que participen en licitacións do Ministerio de Defensa
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), en colaboración co Ministerio de Defensa, organizou a xornada práctica “Como acceder a licitacións do Ministerio de Defensa”, dirixida a pemes galegas interesadas en participar en contratos coa administración. O encontro contou coa participación de representantes da Xefatura de Intendencia de Asuntos Económicos (JIAE) Oeste, da Intendencia de Ferrol, e de persoal técnico especializado en contratación pública.
Durante a xornada abordáronse temas clave como aspectos xerais da contratación pública na Administración Xeral do Estado e o Ministerio de Defensa; o uso da Plataforma de Contratación do Sector Público; boas prácticas e oportunidades de negocio no ámbito público; e oportunidades de contratación na Eurorrexión Norte de Portugal – Galicia.
Desde a CEG explican que o obxectivo é achegar a contratación pública ás empresas galegas, fomentar a súa participación e dar a coñecer as oportunidades que ofrece o Ministerio de Defensa, tanto en contratos menores como en licitacións abertas.
Detallan que “a contratación pública é unha liña de negocio estratéxica que desde a CEG impulsamos activamente a través de servizos propios deseñados para facilitar ao máximo a participación das empresas. Neste marco, pomos á súa disposición B4T, un servizo gratuíto de apoio técnico-legal dirixido a calquera empresa interesada en concorrer a un concurso público”.
B4T ofrece un acompañamento completo: desde a preparación da documentación necesaria até o seguimento da correcta execución do contrato. Ademais, asesoran sobre como mellorar, optimizar e axilizar cada proposta para aumentar as súas posibilidades de éxito.




O coronel Juan Manuel Rodríguez Lara, xefe da Xefatura de Intendencia e Asuntos Económicos de Valladolid, do Exército de Terra; detallou que o interese da xornada é “dar a coñecer o uso da plataforma de contratación do sector público, principalmente, porque é a ferramenta para poder acceder ás licitacións da administración”. Ademais os órganos de contratación cada vez máis licitan os contratos menores e hai un interese dentro do Ministerio de Defensa en dar cada vez máis publicidade a esta figura contractual. Para elo é necesario que as empresas se familiaricen co seu uso; se animen a entrar máis para ver que oportunidades de negocio teñen na plataforma e poidan optar a licitar os nosos contratos. Hai un número importante de licitacións que quedan desertas por descoñecemento”.
Pola súa banda, o tenente coronel Javier Naranjo Rodríguez, intendente de Ferrol, engadiu que “vimos mostrar o volume de negocio que ten Defensa nesta zona norte de España, (Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco) no tema de contratación, tanto en contratación menor como en grandes contratos, para que as pequenas e medianas empresas poidan optar a licitacións, xa que o volume de negocio é bastante grande”.
A contratación pública representa un dos alicerces da economía española. Segundo a Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación (OIReScon), en 2024 o volume total adxudicado polas administracións públicas en España superou os 113.000 millóns de euros, con máis de 206.000 contratos formalizados. Dentro dese conxunto, o Ministerio de Defensa ocupa un lugar destacado. En 2024 adxudicou contratos por aproximadamente un total de 7.469 millóns de euros, dos cales 3.688 millóns corresponderon á anualidade do exercicio e 3.781 millóns a exercicios posteriores. O Ministerio, ademais, adxudicou máis de 440 acordos marco, con case 300 lotes, o que demostra que existen espazos de participación tamén para pemes e empresas tecnolóxicas de menor tamaño.
“En Galicia, sectores como a enxeñaría, a construción naval, a electrónica, o mantemento, a loxística ou os servizos especializados teñen un claro potencial de colaboración con Defensa”, inciden.
Dende a CEG subliñan que “as pemes galegas teñen capacidade, coñecemento e talento para competir neste escenario. Para iso, deben coñecer as plataformas e ferramentas de licitación, especialmente a do sector público e as do Ministerio de Defensa; prepararse adecuadamente; colaborar entre si; e, sobre todo, apostar pola innovación, a sostibilidade e a calidade, tres eixos cada vez máis valorados nos contratos públicos”.
Insisten en que participar na contratación pública é unha vía directa de crecemento, internacionalización e xeración de emprego. Ademais, a nivel europeo, ábrese unha nova etapa de política industrial onde os contratos públicos serán unha ferramenta crave para reforzar a competitividade e a seguridade económica de Europa.
Contacta coa
CEG