gl
  • es
  • gl
Home > A CEG alude á necesidade dun ecosistema de colaboración en ciberseguridade: “sector público, privado, academia e sociedade civil deben compartir información de ameazas, formar talento e establecer estratexias conxuntas”

A CEG alude á necesidade dun ecosistema de colaboración en ciberseguridade: “sector público, privado, academia e sociedade civil deben compartir información de ameazas, formar talento e establecer estratexias conxuntas”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizou, en colaboración co Consello Económico e Social de España (CES), a xornada “Ciberseguridade: Protección dos Cidadáns e Crecemento Económico”.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, fixo fincapé en que “a dixitalización da administración, da industria, do comercio, dos servizos, e, en definitiva, das relacións entre os cidadáns abre enormes posibilidades de eficiencia, competitividade e mesmo de calidade de vida, pero tamén cambia o tipo de perigo: agora as persoas, os seus datos e servizos importantes como a sanidade, a enerxía, o transporte ou as comunicacións poden verse afectados por ameazas cuxo impacto transcende o técnico e maniféstase nestes ámbitos”.

Pola súa banda, o presidente do Consello Económico e Social de España (CES), Antón Costas, incidiu en que “non sabemos aínda se a intelixencia artificial provocará unha transformación profunda da economía e o emprego, pero si que o seu uso fraudulento e delituoso é unha ameaza certa para a vida das empresas, as organizacións e as familias. A ciberseguridade e a protección da información non son unha opción, senón unha necesidade”.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o compromiso firme do Goberno de España coa protección dixital das empresas galegas. Deste xeito, subliña que España conta hoxe con “máis recursos, máis medios e máis capacidades que nunca” para facer fronte a un fenómeno en constante crecemento, lembrando que un de cada catro delitos en Galicia xa é un ciberdelito.

Blanco puxo en valor o traballo das unidades especializadas da Policía Nacional e da Garda Civil, así como a posta en marcha do teléfono 017 e a creación do novo Centro Nacional de Ciberseguridade, anunciada polo presidente do Goberno, como exemplos dunha resposta “sólida, moderna e orientada a dar seguridade e confianza ao tecido empresarial”.

Así mesmo, o delegado reafirma que as empresas galegas “poden contar co Goberno de España” e destacou o impulso á transformación dixital a través de programas como Activa Ciberseguridade, o Kit Dixital ou o Kit Consulting, que xa mobilizaron case 400 millóns de euros en Galicia e beneficiaron a máis de 50.000 empresas e autónomos. Durante a súa intervención, Blanco agradeceu a colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia e do Consello Económico e Social de España e felicitou aos responsables do traballo gañador do XXII Premio de Investigación CES España ao considerar que contribúe “a poñer rigor e coñecemento” nun ámbito crucial para a competitividade. “En ciberseguridade —concluíu— ou gañamos todos, ou perdemos todos. E en Galicia imos estar á altura, traballando xuntos”.

A ciberseguridade xa non é só un asunto tecnolóxico ou corporativo, senón un tema estratéxico para a economía, a sociedade e a calidade democrática. Por iso, Vieites afirma que “debemos visualizar a ciberseguridade non como un custo accesorio, senón como un factor habilitador do crecemento económico. Se as empresas e administracións confían en que a súa contorna dixital é segura, investirán máis en innovar, colaborar, expandirse internacionalmente”.

Para facer fronte aos retos, o presidente da CEG advirte que “non abonda con que cada empresa protexa os seus sistemas, nin que cada administración actúe illadamente. É necesario un ecosistema de colaboración: sector público, sector privado, academia, sociedade civil, compartindo información de ameazas, establecendo marcos comúns de actuación, formando talento, fomentando estratexias conxuntas. E tamén, un compoñente de soberanía dixital: asegurar que contamos con infraestruturas, capacidades e competencias propias, non dependentes de terceiros que poden representar vulnerabilidades”.

Desde o empresariado galego conclúen que “a ciberseguridade transcende o tecnolóxico e corporativo: é un asunto estratéxico que impacta directamente na economía, na protección dos cidadáns e na confianza nas nosas institucións. A colaboración público-privada, a formación de talento e a soberanía dixital son ferramentas imprescindibles para afrontar os retos da transformación dixital de maneira segura e sostible”.

No marco da xornada, entregouse aos asistentes o traballo de investigación que foi obxecto do XXII Premio de Investigación CES España “Gardiáns dixitais para un crecemento sostible: ciberseguridade e protección cidadá na era da transformación dixital”.

O director do equipo de investigación do Premio, Alberto Vaqueiro, explicou que “a investigación posibilita identificar o valor da ciberseguridade como mecanismo de prevención de custos e perdas, o que permite mellorar a eficiencia económica. Ademais, analiza as medidas de ciberseguridade en relación cos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, para identificar que elementos han de ser mellorados. Así mesmo, considera o papel da ciberseguridade como vector xerador directo de actividade económica e emprego e como impulsor indirecto doutras actividades económicas. Tamén permite identificar as distintas implicacións da ciberseguridade sobre unha perspectiva multidimensional poñendo o foco na contorna, organizacións e persoas. Considera, ademais, as necesidades das empresas, pero tamén dos consumidores, usuarios e persoas traballadoras, cunha visión complementaria, pero moi necesaria, aos estudos máis clásicos centrados unicamente nas empresas. Os resultados obtidos contribúen á mellora das actuacións no campo da ciberseguridade para empresas, organizacións e persoas, especialmente na formación e concienciación da cidadanía”.

Doutra banda, Vaqueiro sinalou que “o aumento das actividades delituosas dixitais a todos os niveis, xunto co complexo espazo normativo –non sempre adecuado á realidade á que se enfronta- esixe unha resposta coordinada e estruturada no campo da ciberseguridade. Só cunha contorna dixital segura e inclusivo, capaz de combinar innovación tecnolóxica, cooperación público-privada e formación continua, conseguirase que a ciberseguridade sexa un piar esencial para o desenvolvemento económico sostible e a protección dos dereitos da cidadanía nunha contorna cada vez máis dixital”.

A xornada contou coa participación de: o Consello Económico e Social de España (CES España), o Consello Económico e Social de Galicia (CES Galicia), a Delegación do Goberno en Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Cátedra Economía da Ciberseguridade – CECOCIB USCINCIBE, o Premio de Investigación CES España, INEO – Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías de Información e Comunicación, CSIRT.gal e CIBER.gal, así como Pintos & Salgado Avogados, Plexus Tech, Masorange en Galicia e Hijos de Rivera.