gl
  • es
  • gl
Home > A CEG afirma que “a sentenza do TXUE é unha vitoria para o sentido común, a seguridade xurídica e o desenvolvemento económico de Galicia”

A CEG afirma que “a sentenza do TXUE é unha vitoria para o sentido común, a seguridade xurídica e o desenvolvemento económico de Galicia”

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), que avala os procedementos seguidos en Galicia para a tramitación de parques eólicos e despexa a inseguridade xurídica que lastrou ao sector durante o últimos tres anos. “A sentenza do TXUE é unha vitoria para o sentido común, a seguridade xurídica e o desenvolvemento económico de Galicia”, afirman.

O presidente do empresariado galego sinala que “este fallo supón un punto de inflexión para recuperar a confianza empresarial e avanzar no desenvolvemento dun sector estratéxico para Galicia. Máis de 2.300 MW de potencia eólica permanecían paralizados por decisións xudiciais que xeraron graves prexuízos ao investimento, o emprego rural e a transición enerxética”.

Insiste en que “dende a CEG reclamamos de forma reiterada un marco estable, áxil e tecnicamente solvente para o despregamento de enerxías renovables. Agora, co respaldo do TJUE, corresponde ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) resolver sen máis dilacións os procedementos pendentes e facilitar a reactivación dos proxectos”.

Engade que “esta resolución tamén reforza os nosos reclamos sobre a necesidade urxente de modernizar e ampliar as infraestruturas eléctricas, mellorar a capacidade de evacuación na rede e axilizar os trámites administrativos. Galicia non pode seguir quedando atrasada fronte ao resto do Estado na implantación de tecnoloxías limpas”.

Vieites apunta que “o desenvolvemento eólico non é só unha oportunidade enerxética, senón unha panca para o crecemento industrial, a vertebración territorial e a fixación de poboación no medio rural. Nun momento clave para o cumprimento dos obxectivos climáticos europeos, Galicia debe poder exercer plenamente o seu potencial renovable”.

A CEG reitera a súa disposición a colaborar con todas as administracións e actores implicados “para construír unha contorna normativa e técnico que permita atraer investimentos, xerar emprego de calidade e asegurar un modelo de crecemento sustentable e competitivo”.