O presidente da CEG subliña, no Rotary Club Vigo, que “a empresa debe entenderse non só como motor de riqueza, senón tamén como axente de cohesión social, innovación e benestar”
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, participou no programa de encontros con personalidades destacadas, organizado polo Rotary Club Vigo, que este ano celebra o seu centenario. Na cita estiveron presentes empresarios do mundo da automoción, informática, construción, medio ambiente, conserva e profesionais da órbita do dereito, as finanzas, a arquitectura e a enxeñaría.
A presidenta do Rotary Club Vigo, Zaida Llano, explica que se analizaron os factores influentes na actividade empresarial e a súa repercusión na pequena, mediana empresa e na gran empresa, con incidencias diferenciadas. “Establecéronse criterios a ter en conta e que hai uns anos non eran representativos, pero que a evolución continua dos factores socioeconómicos e a forza das novas tecnoloxías fan que hoxe sexan determinantes. A intelixencia artificial, a robótica, as comunicacións e a sociología cambiaron vertiginosamente e introduciron uns factores que poden favorecer a perda de valores, cuestión que en Rotary é primordial e están á cabeza de calquera consideración”. A velada pechouse cun animado coloquio que “puxo de manifesto que á parte da boa sintonía profesional a relación humana foi determinante”.
Vieites puxo de relevo o valor deste tipo de foros como espazos de encontro entre o tecido empresarial e a sociedade civil. “O Club Rotary, cunha recoñecida traxectoria na cidade vinculada ao servizo, a ética profesional e o compromiso social (Rotary International), consolídase así como un actor relevante na dinamización do diálogo sobre os retos económicos e sociais de Vigo e a súa área de influencia”.

Na súa intervención, o presidente do empresariado galego subliñou “a importancia de xerar contornas de diálogo e colaboración nun contexto económico complexo, destacando que a empresa debe entenderse non só como motor de riqueza, senón tamén como axente de cohesión social, innovación e benestar”. En liña co enfoque que promove a CEG, puxo en valor o papel do empresariado galego “maioritariamente pemes” como eixo clave para o crecemento económico e a creación de emprego.
Vieites incidiu, especialmente, nos principais desafíos que afrontan as empresas: desde as tensións no mercado laboral, como o absentismo ou a falta de determinados perfís, até a necesidade de marcos regulatorios máis estables e adaptados á realidade produtiva. Así mesmo, alertou sobre a acumulación de custos, rixideces e incertezas como principal freo ao investimento, insistindo en que “a competitividade depende en gran medida de factores como a seguridade xurídica, a axilidade administrativa e unhas condicións adecuadas para producir en Galicia”.
Tamén puxo o foco en cuestións estratéxicas como a internacionalización, as infraestruturas “con especial mención ao Corredor Atlántico e o seu impacto en Vigo”, a enerxía ou a colaboración público-privada. Neste sentido, defende “a necesidade de avanzar cara a unha economía claramente invertible, capaz de atraer proxectos e consolidar a súa base industrial”.
Finalmente, destacou retos estruturais como o talento e a substitución xeracional, apelando a “unha maior conexión entre formación e empresa para garantir o futuro do tecido produtivo galego”.
Contacta coa
CEG