O presidente da CEG recibe a Distinción Honorífica do Mérito na Agricultura do Ministerio de Agricultura e Desenvolvemento Rural de Polonia
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e cónsul honorario de Polonia, Juan Manuel Vieites, recibiu a Distinción Honorífica ao Mérito na Agricultura, por parte do Ministerio de Agricultura e Desenvolvemento Rural de Polonia, e de man do viceministro Adam Nowak.
O presidente da CEG afirma que “ningún recoñecemento é froito unicamente dun esforzo individual. É unha homenaxe a todas as persoas que, durante xeracións, dedicaron a súa vida ao campo, ao mar, á transformación dos alimentos e ao desenvolvemento dos nosos territorios rurais. A agricultura representa moito máis que unha actividade económica. É unha forma de entender a nosa relación co territorio, coas nosas raíces e coas xeracións futuras”.
Así mesmo, engade que “dende Galicia coñecemos moi ben ese valor. Tiven sempre a convicción de que empresa, agricultura e sociedade deben avanzar xuntas. A actividade empresarial ten sentido cando xera emprego, riqueza e oportunidades, especialmente naqueles territorios onde manter poboación e actividade económica é un reto permanente”.





Vieites defende que “o desenvolvemento económico debe construírse sobre a cooperación, a apertura internacional e a creación de pontes entre territorios. Nese camiño, Polonia ocupa un lugar moi especial. Durante estes anos traballamos para fortalecer os vínculos entre Galicia e este gran país europeo, convencidos de que existen enormes oportunidades de colaboración en ámbitos como a industria agroalimentaria, a tecnoloxía, a enerxía, a loxística e a innovación”.
Durante a viaxe a Varsovia o presidente da CEG manterá reunións co presidente do consello da Cámara de Comercio Polaco-Española, Stefan Bekir Assanowicz; o vicepresidente, Mirosław Węglarczyk; e a directora xeral Zuzanna Gołębiewska, entidade coa que a CEG asinou acordos de colaboración e mantén unha relación estreita.
Así mesmo, reuniuse na Cámara de Comercio Nacional de Polonia, co vicepresidente da mesma, Andrzej Szumowskien, e coa presidenta do Senado de Polonia, Małgorzata Kidawa-Błońska, e representantes do Ministerio de Asuntos Exteriores e doutros ministerios.
Contacta coa
CEG