O presidente da CEG defende, no Propeller Club Vigo, o papel da cidade e o seu porto na rede atlántica: “Non pedimos privilexios, senón coherencia económica”
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, participou nos «Xantares Propeller Club Vigo», un evento que se celebra o segundo mércores de cada mes; organizado por Propeller Club Porto de Vigo, entidade conformada por un grupo de empresarios e profesionais do sector portuario na cidade de Vigo. No encontro abordáronse os grandes retos e oportunidades do tecido empresarial galego, así como no papel estratéxico de Vigo dentro do desenvolvemento económico de Galicia.
Desde Propeller Club Porto de Vigo sinalan que “con este encontro continúan reforzando o seu papel como espazo de diálogo e reflexión ao redor dos grandes asuntos que afectan ao presente e ao futuro do sector marítimo, portuario, loxístico e empresarial, achegando aos seus socios e asistentes a algunhas das voces máis relevantes do panorama económico e institucional galego”.
Vieites alertou que “a principal preocupación empresarial non é a falta de ganas de investir; é a acumulación de custos, rixideces e incertezas. Galicia pechou 2025 cun crecemento do PIB en torno ao 2,4%, cunha taxa de paro do 8,3% e cunha economía que segue apoiándose en alicerces moi sólidos: industria, exportación, cadea mar-industria, automoción, agroalimentación, naval, loxística e servizos avanzados. Agora ben, que a empresa galega haxa resistido non significa que compita en condicións doadas”.
Lembra que “dende a CEG dixemos reiteradamente que non se pode cambiar continuamente o marco de xogo sen contar con quen teñen que aplicalo. A empresa necesita previsibilidad, estabilidade normativa e tempo para adaptarse. E isto é especialmente importante nunha comunidade como a nosa, formada maioritariamente por pemes, micropemes e autónomos”.
Tamén insiste en que “Galicia necesita máis industria. Non menos. Máis. Necesitamos escalar en innovación. Non abonda con que innoven unhas poucas grandes empresas. Necesitamos que innoven tamén as pemes. Escalar en dixitalización, porque a produtividade xa non depende só de producir máis, senón de producir mellor, con máis dato, máis automatización, máis trazabilidad e máis eficiencia. Escalar en internacionalización. Galicia é unha comunidade profundamente aberta ao exterior. E iso é unha vantaxe, pero tamén unha exposición”.
Sobre a cidade anfitrioa, subliñou que “Vigo é un nodo económico que Galicia non pode infravalorar, é un dos seus principais activos económicos. Ás veces en Galicia cometemos un erro: pensar a vertebración como repartición. E non como suma de nodos fortes. E Galicia necesita precisamente iso: nodos fortes, ben conectados e traballando en rede. Dende a CEG defendemos de forma expresa, xunto coa Autoridade Portuaria, a necesidade de reforzar a conectividad do porto e de avanzar no seu recoñecemento e posicionamento estratéxico, incluíndo a reivindicación do mesmo como porto nodal na rede europea. Por iso é tan importante defender a mellora de accesos, a conexión ferroviaria de mercadorías, a intermodalidad real, o desenvolvemento da PLISAN e o papel de Vigo dentro da rede atlántica. Non estamos a pedir privilexios. Estamos a pedir coherencia económica. Porque se Galicia quere medrar máis e exportar mellor, necesita que Vigo funcione aínda mellor”.
En canto ao tema enerxético, Vieites advertiu que “Galicia non pode producir enerxía e perder industria. Este é outro dos grandes debates de país. Non ten sentido que Galicia teña potencial enerxético e, ao mesmo tempo, dificultades para transformar ese potencial en actividade industrial. Desde a CEG dixémolo con contundencia: a saturación de redes eléctricas está a frear proxectos industriais, a falta de capacidade de acceso e evacuación penaliza investimentos, e Galicia non pode quedar á marxe da reindustrialización por non dispor de infraestruturas enerxéticas adecuadas. E isto afecta de cheo á competitividade.
Necesitamos: enerxía suficiente, enerxía competitiva e rede dispoñible. Non podemos pedir descarbonización á empresa e ao mesmo tempo negarlle as condicións materiais para levala a cabo. A transición enerxética ten que ser unha panca de competitividade, non un novo factor de desvantaxe”.
Por último, o presidente da CEG aproveitou este foro do Propeller Club Vigo para pedir ao Goberno de España aceleración real de infraestruturas estratéxicas, especialmente ferroviarias e loxísticas; estabilidade regulatoria e menos rixidez normativa para as empresas; e unha política industrial e enerxética coherente co peso produtivo de Galicia. Así mesmo, apelou á Xunta de Galicia a seguir reforzando a axilidade administrativa; máis chan, enerxía e implantación industrial; formación e talento conectados coa empresa real; así como tamén que siga defendendo en Madrid e en Bruxelas a posición loxística, industrial e atlántica de Galicia.
Sabadell Galego e CEG poñen a disposición das empresas galegas 300 millóns de euros
Ler máis
Contacta coa
CEG