As comisións de traballo da CEG reúnense coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
As comisións de traballo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reuníronse coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e entre outros asuntos repasaron, principalmente, o acordo de transferencia da xestión do litoral a Galicia, o seu estado de situación e os próximos pasos, ademais de recapitular as propostas do empresariado galego para a Lei de Administración Ambiental Simplificada.
“A xestión do litoral é unha oportunidade única. É preciso que as administracións autonómica e central continúen traballando de maneira coordinada co tecido empresarial e os axentes sociais para que esta nova competencia tradúzase en beneficios concretos para a sociedade galega”, asegura Juan Manuel Vieites.
Neste sentido, o presidente da CEG detalla que se presentan as seguintes necesidades:
– A transferencia dos medios que fagan posible a efectividade das competencias que agora asume Galicia e que dita transferencia se faga con axilidade.
– Manter un diálogo construtivo entre as administracións competentes.
– Seguir instando o Goberno central a que estableza unha mesa de análise e negociación cos sectores e administracións afectadas, especialmente ante calquera iniciativa ou reforma lexislativa ou regulamentaria, como a do regulamento da Lei de Costas.
Foro do litoral de Galicia
Xa no mes de decembro dende a Confederación de Empresarios de Galicia fixéronse achegas en canto á composición e funcións que debe ter o Foro do litoral de Galicia.
“É esencial que se asegure unha participación efectiva de todos os sectores socioeconómicos na formulación e execución de estratexias e proxectos vinculados á ordenación costeira. Esta participación non só enriquecerá o proceso de toma de decisións, senón que tamén promoverá un enfoque inclusivo e equilibrado que reflicta as diversas perspectivas e intereses de Galicia”, explica Vieites.
Para asegurar unha actividade eficiente, a CEG entende que, “diante da posibilidade de solapamento no coñecemento de certos asuntos que poidan ser competencia doutros órganos consultivos, é recomendable incluír na composición do foro unha representación adecuada doutros departamentos ou unha comisión interdepartamental. Ademais, é imprescindible que este espazo sexa técnico, xurídico e con implicacións prácticas, asegurando que as discusións e decisións sexan informadas, legalmente sólidas e aplicables no contexto real”.
Será fundamental que as cuestións de interese traballadas no foro se trasladen ás consellerías e/ou departamentos competentes na materia obxecto de estudo, para que sexan consideradas para a súa incorporación nas medidas adoptadas, ben normativas e regulamentarias ben de calquera outra índole, nas que se reflictan as necesidades e realidades do litoral galego.
En canto a aspectos máis concretos relativos á composición e a organización, a CEG manifestou que, sen prexuízo pois da participación das administracións públicas con competencias que afecten dalgún modo á xestión do litoral, das universidades e entidades científicas e das organizacións ambientais e de defensa do patrimonio cultural, incluíndo a comunidades locais, “é preciso pór en valor a importancia e o peso singular que os sectores produtivos deben ter na devandita composición”.
É por iso que, din, “será esencial contar coa participación dos representantes das empresas a través das súas organizacións. En particular proponse que poida facerse efectiva dita participación a través da organización empresarial intersectorial máis representativa de Galicia, que recolla as visións dos sectores concernidos pola xestión do litoral e máximos interesados na súa sostibilidade”.
Engaden que “esta composición asegura unha gobernanza participativa e efectiva, integrando as perspectivas necesarias para fomentar un equilibrio sustentable entre desenvolvemento e conservación”.
Lei de Administración Ambiental Simplificada
As propostas da CEG para a Lei de Administración Ambiental Simplificada de Galicia teñen como obxectivo contribuír a facer desta norma unha oportunidade para aliñar a sostibilidade ambiental coa competitividade empresarial, fortalecendo o tecido produtivo galego e xerando un impacto positivo tanto económico como ambiental.
Neste sentido, enumeran entre as súas peticións:
Prever na norma unha avaliación sistemática e exhaustiva dos procedementos administrativos no ámbito ambiental para identificar e analizar os puntos críticos que xeran demoras.
Adaptar a normativa autonómica aos estándares máis recentes da lexislación ambiental nacional e europea vixentes, sen prexuízo de preservar e promover unha contorna que favoreza o desenvolvemento de proxectos.
Unificar os instrumentos de prevención e control ambiental nun único corpo normativo, asegurando que esta unificación non complique a súa aplicación práctica.
Crear unha plataforma dixital centralizada para todos os trámites ambientais, permitindo ás empresas xestionar autorizacións sen rexistros adicionais e seguir o estado dos seus expedientes en tempo real. Incluír ferramentas de pre-avaliación ambiental para avaliar preliminarmente a viabilidade de proxectos.
Desenvolver guías sectoriais específicas (agricultura, enerxía, telecomunicacións, etc.) para clarificar os requisitos de documentación e criterios de avaliación ambiental, asegurando que calquera cambio estea apoiado por informes técnicos ou científicos.
Ofrecer flexibilidade nos trámites para proxectos innovadores, incluíndo exencións temporais durante períodos de proba.
Asegurar que a normativa non impoña novos rexistros, taxas ou custos que afecten a competitividade das empresas galegas. Priorizar incentivos sobre sancións.
Elaborar unha guía para o cálculo da fianza ambiental en instalacións de residuos.

A CEG comprométese a facer seguimento do prazo para a subestación de Vigo e apoia a inclusión de Stellantis no PERTE
Leer mas
Contacta coa
CEG