Sabadell Galego e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) asinaron un convenio de apoio ao empresariado, mediante o cal se achegará, ás empresas galegas, solucións de financiamento específicas para investimentos en materia de sustentabilidade.
A través dunha liña de financiamento de até 300.000.000 €, que renova a asinada en 2021, Sabadell Galego e a CEG, buscan apoiar o crecemento das empresas galegas, con propósito e especial relevancia no apartado da sustentabilidade ambiental, a innovación e a transformación dixital.
A liña céntrase en produtos de financiamento con condicións especiais en contas á vista para empresa nas súas diferentes versións; financiamento prioritario coas liñas especiais de ICO, BEI, PAEI, convenios IGAPE e con garantía SGR´s, pólizas de crédito; préstamos, renting e leasing; circulante nacional e internacional e avais.
Ponse a disposición das empresas galegas solucións de financiamento específico para investimentos con aplicación sustentable, na que o uso dos fondos é o criterio para determinar a natureza verde ou social, así como tamén a calquera tipo de financiamento que incentive á empresa o logro de obxectivos de sustentabilidade con incorporación de métricas materiais en ESG, o que lles permitirán beneficiarse de condicións preferentes.
Ademais, ambas as dúas entidades renovaron o convenio de colaboración polo cal Banco Sabadell, como parte do Consello Asesor da CEG, apoiará, durante todo o exercicio, diferentes actuacións da patronal galega, en canto a organización de encontros empresariais e tribunas con relevantes autoridades económicas.
Segundo Pablo Junceda, director xeral de Sabadell Galego e director xeneral adxunto de Banco Sabadell, "estes acordos, reforzan o compromiso de Sabadell Galego coas empresas galegas e coa súa patronal, acompañando aos seus asociados na transición cara a unha economía sustentable, proporcionándolles asesoramento especializado e os produtos e servizos que necesitan para xestionar este camiño con éxito".
Junceda explicou que "a aposta polo coidado do medio ambiente debe ser compatible co crecemento económico e co benestar social, no que se inclúe a necesidade de satisfacer as necesidades actuais, sen comprometer ás xeracións futuras. Cobran especial importancia aqueles proxectos que se basean na economía circular, os que atenden a unha mobilidade que faga compatible a sustentabilidade co impulso da actividade económica -o gran exemplo son as enerxías renovables- ou os que, preservando os nosos magníficos espazos naturais, xeren actividade empresarial e emprego, vía turismo, explotacións agrogandeiras ou as industrias agroalimentarias. Os empresarios galegos teñen moito que dicir nestes temas".
Pola súa banda, presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, fixo fincapé en que "estas áreas convertéronse en aspectos crave para o desenvolvemento empresarial e a adaptación á contorna cambiante actual. Existe un crecente recoñecemento da importancia de abordar os desafíos ambientais e promover prácticas empresariais responsables. As empresas galegas están a ser conscientes da necesidade de implementar estratexias sustentables para reducir o seu impacto no medio ambiente e cumprir coas regulacións ambientais. O apoio financeiro neste aspecto permite ás empresas galegas acceder a recursos económicos para investir en tecnoloxías limpas, eficiencia enerxética, xestión de residuos e outras iniciativas que fomenten a sustentabilidade ambiental".
O apoio financeiro en innovación e a transformación dixital facilita ás empresas galegas o acceso a recursos para investir en dixitalización, desenvolvemento de software, automatización de procesos e outras iniciativas innovadoras. Isto proporciónalles unha vantaxe competitiva e axúdalles a aproveitar as oportunidades que ofrece a economía dixital.
É importante destacar que a sustentabilidade ambiental, a innovación e a transformación dixital están estreitamente interrelacionadas. "A adopción de tecnoloxías dixitais pode contribuír á sustentabilidade ao permitir unha xestión máis eficiente dos recursos e reducir o impacto ambiental. Por tanto, o apoio financeiro nestes ámbitos impulsarán as sinerxías entre a sustentabilidade, a innovación e a transformación dixital nas empresas galegas", subliñou Vieites.