CEG

 

Patronal e sindicatos asinan o novo texto do AGA

Sinatura do novo texto do AGA

Antonio Fontenla Ramil, representante da Xunta de Vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); e os secretarios xerais de CIG, UXT-Galicia e CCOO de Galicia, Paulo Carril Vázquez, José Antonio Gómez Gómez e Ramón Sarmiento  Solla, respectivamente, asinaron esta tarde no  Consello  Galego de  Relacións  Laborais un novo texto do Acordo Interprofesional sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo ( AGA) para abrir unha nova vía de resolución extraxudicial de conflitos individuais a través da mediación e a arbitraxe.

Esta firma dá cumprimento ás conclusións do  XVII Encontro Galego de Relacións Laborais celebrado en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro de 2018. Fontenla Ramil revelou que “foi a utilidade -sobradamente acreditada-, da xestión dos conflitos colectivos no ámbito laboral a través do contido do primeiro  AGA o que serviu de base para alcanzar este consenso por parte das organizacións que conformamos o  Consello”. Así é que “a CEG se congratula desta ampliación do ámbito funcional do  AGA que reafirma a nosa aposta decidida polo seu fortalecemento como un sistema áxil e eficaz en aras de facilitar a solución de conflitos no ámbito das relacións laborais”, expresou o representante da Xunta de Vicepresidentes da patronal galega.

Ademais, “con esta firma renóvase o exercicio de responsabilidade e de confianza nos mecanismos autónomos e de  autocomposición dos conflitos de traballo, como unha ferramenta posta ao dispor das persoas traballadoras e empresas, que aforra importantes custos de xestión nos conflitos laborais, reduce tempos de negociación e impulsa o carácter pioneiro e renovador do primeiro texto do  AGA asinado en 1992”, expuxo.

Finalmente Antonio Fontenla recoñeceu que “quedan moitas tarefas que levar a cabo para a posta en marcha do novo procedemento, como a necesidade de ampliar o número de persoas dispoñibles para o desenvolvemento das funcións de mediación e conciliación, incidindo na súa adecuada formación, pero son pasos que se irán dando nas próximas datas”.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.