Os empresarios galegos coñeceron esta mañá as oportunidades de negocio que lles brinda Senegal a través dun encontro celebrado na sede da Confederación de Empresarios de Santiago (CEG) con motivo da visita da Embaixadora da República africana en España, Mariame SY. Entre outras autoridades, a xornada tamén contou coa presenza do Primeiro Conselleiro da Embaixada, Thierno Souleymane DIACK; e con Augusto Álvarez-Borrás Massó, Director da área de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
As relacións comerciais entre Galicia e o país africano incrementáronse substancialmente nos últimos anos. Así, Antonio Fontenla, representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG, expuxo durante a súa intervención que “de exportar 12,6 millóns de euros en 2009 pasamos a 27,9 millóns de euros o pasado ano; e de importar 7,3 millóns de euros en 2009 pasamos a 48,2 millóns de euros dez anos despois”.
Ademais, puntualizou que “a nosa comunidade exportou no exercicio pasado o 9,2% do valor dos produtos españois a Senegal, situándoa en 5º lugar tras Canarias, Valencia, Andalucía e Cataluña; sendo os produtos industriais e a tecnoloxía –fundamentalmente material eléctrico, maquinaria de transporte e elevación, barcos, etc-, obxecto do 96,4% do total das exportacións no devandito período; destacando tamén a importancia da exportación de peixes conxelados”
“Doutra banda, se nos fixamos no dato da importación, do total do valor dos produtos senegaleses que chegaron a España o ano pasado, o 31,3% foron a parar a Galicia, constituíndo a primeira comunidade autónoma española neste sentido, correspondéndose o 99,8% con produtos agroalimentarios e destacando entre os mesmos o peixe, os moluscos e os crustáceos”, finalizou.
Desenvolvemento de Senegal
Pola súa banda, a Embaixadora de Senegal en España explicou na súa intervención que “o noso país atópase en plena fase de desenvolvemento da segunda etapa do Plan Senegal Emerxente (PSE), un conxunto de políticas estratéxicas que se converteron no marco de referencia da política económica do país e que ten como obxectivo principal facer do noso país un hub loxístico, industrial, aéreo, mineiro e turístico para o ano 2035”.
“A primeira fase –a comprendida entre 2014 e 2018- financiouse con socios públicos, pero neste segundo período –ata 2023- necesitamos financiamento privado e o estado está a tomar medidas para facilitala”.
“Concretamente buscamos un impulso en temas de fertilizantes e industria agroalimentaria –servizos de mecánica agrícola, distribución e comercialización de produtos-; así como en construción –de aquí a catro anos pretendemos construír 100.000 vivendas-; tamén, no sector pesqueiro e enerxético”.
Por último Mariame MY tamén fixo referencia a que “Senegal forma parte da Comunidade Económica de Estados de África Occidental ( Cedeao), o que supoñería para as empresas galegas entrar a operar nun mercado composto por case 300 millóns de habitantes”.