CEG

 

O presidente da CEG aborda co secretario xeral do PSdeG-PSOE os principais problemas económicos que afectan ao empresariado galego

Reunión entre Juan Vieites e Valentín González Formoso
Rolda de prensa
Rolda de prensa
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, mantiveron esta mañá unha reunión para abordar a procura de solución a algúns dos principais problemas económicos que afectan o empresariado galego con especial énfase en conseguir reducir os custos enerxéticos que están a conseguir paralizar a actividade de moitas compañías, entre elas plantas do sector industrial (electrointensivas, coxeración, etc), e que segundo Vieites pasa pola transformación do noso sistema enerxético e a aposta decidida pola transición ás enerxías renovables o máis axiña posible xa que “non podemos garantir a sustentabilidade nin unha transición enerxética xusta se non aseguramos a subministración e a competitividade”.
 
“Os indicadores económicos -expuxo o presidente da patronal galega- mostran xa como a escalada da inflación está a impactar significativamente na actividade das empresas, minguando a súa competitividade e estreitando as súas marxes de beneficio, o que podería desembocar nunha deterioración aínda maior do emprego a medio prazo”. “É crucial actuar sobre os factores que están a exercer a actual presión inflacionista e compensar o seu efecto entre os sectores que máis a están sufrindo, como o da industria, un sector estratéxico para a nosa economía e que resulta motor de crecemento, polo seu efecto tractor para as pemes e a calidade do emprego que xera”.
 
Así, e segundo Vieites, “a moderación salarial vólvese imprescindible para atallar a crise, apostando por un pacto de rendas que impida novos efectos da inflación, acompañada dunha redución da carga impositiva tanto para as empresas como para os propios traballadores”.
 

Reforma fiscal

 
Neste último sentido, o presidente da Ceg tamén lle trasladou a González Formoso a necesidade de deseñar un sistema fiscal que permita que as familias non vexan afectada a súa capacidade de gasto e as compañías dispoñan de suficientes recursos e liquidez para desenvolver a súa actividade. Para iso e desde a organización empresarial galega avógase por “deseñar un sistema fiscal máis sinxelo que procure maior seguridade xurídica e equidade tributaria; aliviar a presión fiscal actuando tanto sobre impostos directos como o IRPF e o Imposto de Sociedades, como sobre o indirectos como IVE sobre algúns produtos; a supresión do Imposto sobre o Patrimonio e do de Sucesións e Doazóns; mellorar a eficiencia no gasto público, reforzar a prevención e loita contra a fraude; e modernizar o sistema fiscal e o cadro tributario a fin de permitir atraer investimentos e iniciativas emprendedoras”.
 
 
 
TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.