CEG

 

MANIFESTO POLA PROTECIÓN DO SECTOR PESQUEIRO, MARISQUEIRO E DA CADEA MAR INDUSTRIA E NA DEFENSA DO LITORAL GALEGO

MANIFESTO POLA PROTECIÓN DO SECTOR PESQUEIRO, MARISQUEIRO E DA CADEA MAR INDUSTRIA E NA DEFENSA DO LITORAL GALEGO

A Comisión Mar-Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), confrarías de pescadores, industrias transformadoras e conserveiras, depuradores de mariscos, bateeiros, e armadores congregáronse en Santiago de Compostela para defender, todos a unha, que Galicia debe ter a potestade de decidir sobre a súa costa.  

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron tamén no "Acto pola protección do sector pesqueiro, marisqueiro e da cadea mar-industria e en defensa do litoral galego", un encontro que reuniu na Cidade da Cultura de Santiago a un centenar de representantes de todos os ámbitos da actividade produtiva vinculada ao mar. 

No encontro, deuse lectura a un manifesto onde o conxunto da actividade se lamenta do lesivo recurso ante o Tribunal Constitucional contra a Lei do litoral de Galicia. Unha decisión que provoca inseguridade xurídica e pon en risco a actividade, o emprego, e servizos, ademais de paralizar obras de saneamento e poñer en perigos distintos tipos de servizos.

Por parte do mundo do mar os encargados de transmitir as inquedanzas deste conxunto de actividades foron o presidente da Federación Galega de Cofradías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, e a presidenta da Comisión Mar-Industria da CEG, Isabel Cañas.

O documento asinado foi subscrito por distintas entidades da cadea mar-industria de Galicia e preténdese que se estenda entre moitas máis, co obxectivo de conformar unha forte fronte común na defensa do litoral galego e de que as decisións sobre este ámbito se podan tomar desde a comunidade autónoma.

No acto en Santiago estaban os máximos responsables da federación galega e das tres federacións provinciais de confrarías de pescadores, así como decenas de patrons maiores e membros dos cabildos dos pósitos; a cúpula de Anfaco-Cecopesca e da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI); de Pescagalicia-Arpega; Amegrove; da Asociación de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade); os palangreiros de Orpagu; a Asociación de produtores de Rodaballo de Galicia (Aroga); a Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca); as redeiras de O Peirao; a Sociedade Cooperativa Santa Uxía de Ribeira; a Federación Galega da Construción (Fegacons); e os responsables da maioría dos grupos de accións locais en pesca (GALP), entre outros colectivos e empresas.

MANIFESTO POLA PROTECIÓN DO SECTOR PESQUEIRO, MARISQUEIRO E DA CADEA MAR INDUSTRIA E NA DEFENSA DO LITORAL GALEGO

O sector marítimo-pesqueiro ten un valor fundamental para Galicia. Se tivésemos que definir un trazo diferencial da economía galega sobre a española e a europea, este sería a importancia na nosa economía da pesca, do marisqueo e da acuicultura, ao que habería que engadir toda unha importante cadea mar-industria. Unha actividade estratéxica e vital que constitúe o epicentro de todas e cada unha das políticas públicas postas en marcha desde o Goberno galego.

Non existe ningún país europeo no que as actividades primarias do sector pesqueiro e a súa capacidade de indución de actividade industrial teñan un peso tan relevante no PIB, acadando o complexo mar-industria o 4,8% (o sector extractivo chega ao 2,1%) e englobando a nivel laboral a máis de 50.000 persoas con empregos directos. Este conxunto de datos leva a que o Valor Engadido Bruto que xera a pesca e a acuicultura sexa en Galicia 25 veces superior ao da Unión Europea e máis de seis veces superior ao de España. 

As últimas “Táboas Input-Output da Pesca-Conserva Galegas 2019” certifican que desde 2011 o valor da produción do sector ascendeu preto dun 50% e que a suma da actividade da cadea extractiva, do mar-industria e do comercio exterior pesqueiro de Galicia roldouse os 9.000 M€ en ingresos, acadando a cifra máis alta na historia. Ademais, certifícase que nove de cada dez actividades económicas na comunidade relaciónanse coa pesca e a cadea mar-industria.

A pesca, entendida como actividade económica xerada pola extracción, a acuicultura mariña, a piscicultura, o marisqueo e todo o procesado dos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas, é considerada polo Goberno de Galicia como un sector estratéxico, tanto polo seu peso económico como pola súa dimensión social.

Así, a publicación por parte do Goberno do Estado dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), non contaron cun diálogo coas CCAA e os sectores implicados.

Lembrar que a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (en adiante, LOXILGA) recoñece entre os fins perseguidos, o apoio ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de Galicia, mediante accións de ordenación do litoral que favorezan o mantemento das poboacións litorais que viven do mar e garantan o desenvolvemento das súas actividades por medio da explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos, baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais

A lei recoñece o uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como estratéxico e prioritario para o desenvolvemento sustentable do litoral, e así o dispoñerán os plans de ordenación do litoral que se aproben, os cales establecerán un réxime de zonificación e de uso que garanta o acceso e a permanencia das embarcacións galegas aos caladoiros cuxa regulación sexa de competencia autonómica. 

Asemade, velarase pola sustentabilidade deste sector marítimo-pesqueiro a través do informe de impacto económico e social, como unha das principais ferramentas desta lei.

Deste xeito, as actuacións que pretendan levarse a cabo no litoral de Galicia por calquera suxeito público ou privado, susceptibles de interferir no exercicio das competencias exclusivas da Comunidade Autónoma de Galicia, ben directamente ou ben por efecto da interacción terra-mar, deberán contar con dito informe de carácter previo e, se for o caso, adoptar ou exixir a adopción de medidas preventivas ou reparadoras, de conformidade cos criterios de sustentabilidade do litoral que se determinen.

O pasado 10 de outubro, o Goberno central en funcións anunciou a interposición dun recurso de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional, contra a LOXILGA.

A suspensión da lei supón a paralización das concesións no litoral e dos sistemas de depuración de augas, poñendo en risco a viabilidade de preto de 4.000 edificacións e centos de empresas que operan na costa, e prexudicando directamente a millón e medio de galegas e galegos que viven na nosa costa.

É importante lembar que a LOXILGA se puxo en marcha para poñer fin a situacións incomprensibles que trataban de borrar toda presencia humana do litoral e que se aprobou para aportar seguridade xurídica ás empresas.

Desde Galicia non se entende a decisión do Goberno Central en funcións de recurrir a lei e de atacar as competencias de Galicia. Non se trata dunha lei política, senón dunha lei que persegue a xestión sustentable, no ambiental e no socioeconómico, da costa de Galicia promulgada desde onde mellor se coñece, Galicia.

Finalmente os asinantes deste MANIFESTO amosamos o noso apoio ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de Galicia, e ás accións de ordenación do litoral que favorezan o mantemento das poboacións litorais que viven do mar, garantindo o desenvolvemento das súas actividades por medio da explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos, baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais.

Así mesmo, manifestamos o noso rexeitamento ao recurso de inconstitucionalidade presentado contra a LOXILGA instando ao Goberno central a reconsiderar a súa decisión, xa que pon en perigo o recoñecemento do uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como estratéxico e prioritario para o desenvolvemento sustentable do litoral de Galicia.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.