Representantes de Cobre San Rafael reuníronse co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, para presentar o Proxecto Cobre San Rafael e analizar posibles vías de colaboración que impulsen o desenvolvemento económico e social da rexión. O encontro enmárcase dentro da rolda de contactos que a compañía está a levar a cabo tras a saída a información pública do proxecto, e busca fomentar sinerxías entre sectores clave como o industrial e o de servizos.
Por parte de Cobre San Rafael, Pablo Núñez, responsable de Relacións Institucionais, destaca que “o compromiso coa rexión foi sempre unha prioridade na conceptualización do proxecto. Nos últimos anos, mantivemos máis de 200 reunións con diversos axentes sociais, económicos e institucionais para coñecer as súas necesidades, recoller as súas inquietudes e garantir que o proxecto sexa transparente e beneficioso para todos”.
“Consideramos á CEG como un axente fundamental para esta nova etapa, xa que estamos a construír un proxecto de consenso co obxectivo de xerar o maior impacto positivo para as persoas e empresas da nosa contorna”, engade Pedro Cuervo, director de Servizos Técnicos da compañía.
Pola súa banda, Juan Manuel Vieites, afirma que “é un proxecto seguro, moderno, de calidade, que cumpre, tal como di a Unión Europea, coa procura de equilibrar a explotación de recursos naturais coa protección medioambiental, aplicando innovación tecnolóxica, para poder pechar os ciclos con recursos locais. E onde se pretende unha recuperación non só do aspecto mineiro, do metal, senón tamén do aspecto ambiental. É dicir que falamos de recuperación e aproveitamento”.
Insta que “agora que o proxecto está en información pública, animamos a que unha vez que cumpra coa declaración ambiental e con todos os permisos, a súa tramitación sexa o máis áxil posible, xa que o proxecto Cobre San Rafael en Galicia foi declarado como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) pola Xunta de Galicia, aliñándose coas políticas de sostibilidade da UE.