A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Asociación de Empresarias/os de Deza (AEDEZA) lanzan unha reivindicación “conxunta e urxente” para que o Goberno central aprobe “as reiteradamente comprometidas e anunciadas bonificacións da peaxe da autoestrada AP-53” e para que a Xunta de Galicia axilice o desenvolvemento de solo industrial na comarca de Deza, fundamentalmente coa execución da “retrasada desde hai máis dunha década” cuarta fase de ampliación do Parque Empresarial Lalín 2000.
Ambas as dúas peticións foron lanzadas ao unísono durante unha visita que o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, realizou a Lalín para coñecer as instalacións e os servizos da AEDEZA, tras visitar previamente as empresas Inasus e Tecglass no Parque Empresarial Lalín 2000, acompañado polo presidente da AEDEZA, David Campos, e a secretaria técnica, Chus García.
David Campos agradeceu “o interese e a preocupación” do presidente da CEG por coñecer in situ a realidade actual do tecido empresarial dezano e a súa problemática e por “apoiar sen fisuras” as dúas “reivindicacións históricas” da asociación.
Ademais, trasladoulle a vontade de intensificar no futuro a colaboración entre ambas entidades en eidos como a formación ou a innovación.
Pola súa parte, o presidente da CEG subliñou que “a comarca de Deza atópase nunha posición estratéxica dentro do tecido empresarial galego, cun potencial importante para a atracción de investimentos e a xeración de emprego. Con todo, a falta de solo industrial dispoñible e axeitadamente urbanizado limita gravemente as posibilidades de crecemento das empresas locais, desincentivando a chegada de novas iniciativas empresariais”.
Por iso, Juan Manuel Vieites instou ás administracións competentes “a axilizar os procesos de desenvolvemento e ampliación de solo industrial na zona, dotándoo de infraestruturas modernas e condicións competitivas que permitan atraer investimentos produtivos”. Tamén advertiu de que “sen un plan efectivo e coordinado para ampliar a oferta de solo industrial, a comarca corre o risco de perder oportunidades estratéxicas en sectores clave para o desenvolvemento económico de Galicia”.
Rebaixa da peaxe da AP-53
Doutra banda, sobre a autoestrada AP-53 dixo que “é unha vía fundamental para a conectividade e o dinamismo económico de Deza, pero os elevados custos da súa peaxe supoñen unha barreira para a mobilidade de empresas, traballadores e transportistas, encarecendo a actividade produtiva e reducindo a competitividade da comarca en relación con outras zonas de Galicia con mellores condicións de acceso”.
Dende a CEG solicitan ao Goberno central “que se adopten medidas urxentes para reducir o custo da peaxe”, xa que “unha rebaixa substancial contribuiría a mellorar a competitividade do sector empresarial, facilitar a loxística e o transporte de mercadorías, e reforzar a posición estratéxica do Deza como nodo económico”.
Así mesmo, Vieites lembrou tamén que desde a Comisión de Infraestruturas da CEG xa sinalaron, en varias ocasións, a necesidade prioritaria de impulsar a autovía Deza-Vilagarcía, como unha infraestrutura necesaria para achegar a zona interior á actividade portuaria.