A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizou un xantar-coloquio a presidenta da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), Cristina Herrero; os membros do consello asesor e organizacións integradas na CEG; ademais do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e da conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana. O evento contou co financiamento do Grupo Vegalsa-Eroski e a participación do seu director xeral de Vegalsa, José Manuel Ferreño.
Durante o encontro, a presidenta de AIReF, Cristina Ferreiro, apelou "á responsabilidade de todas as administracións públicas no Plan Fiscal Estrutural, necesario para cumprir as novas regras fiscais. Ao seu parecer, a credibilidade do plan, que estará vixente catro anos, é esencial para as finanzas españolas e para o propio euro, que estrea novo mecanismo de coordinación da política fiscal".
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, lembrou que a AIReF ten a tarefa de velar pola sustentabilidade das finanzas públicas, asegurando que o gasto público sexa eficiente e compatible coa estabilidade orzamentaria e fai especial fincapé na necesidade de controlar a débeda pública e optimizar o gasto.
Neste sentido, explicou que "Galicia presenta importantes necesidades de investimento, para garantir a súa competitividade futura. Os fondos europeos Next Generation deben xogar un papel vital na canalización destes investimentos, que poden dinamizar tanto o sector privado como o público".
Vieites apunta que "Galicia conta ademais cun número moi elevado de entidades locais, que deben tamén xestionar o seu orzamento e dar servizos á cidadanía. O tamaño ás veces non permite a eficiencia desexable no gasto".
Desde a CEG critican "a lentitude no desembolso dos fondos e a excesiva burocracia, o que dificulta a rápida implementación de proxectos. Consideramos que o proceso é complexo e que se requiren máis recursos e simplificación para acceder aos fondos, así como unha maior participación da administración autonómica e das entidades financeiras".
Doutra banda, o presidente do empresariado galego incide na súa preocupación "pola incerteza que rolda os orzamentos para 2025: non sabemos se se van a aprobar ou seguiremos prorrogando como o ano pasado os orzamentos".
Tamén engade que ás empresas preocúpanlle as negociacións bilaterais entre o Estado e as comunidades autónomas, "que probablemente dean lugar a maiores desequilibrios entre unhas e outras, que xa non teñen razón de ser desde o respecto aos dereitos que garante a Constitución, esencialmente a igualdade".
Por último, a CEG destaca que "é necesario definir orzamentos públicos realistas, equilibrados, sustentables e adaptados ás necesidades dos territorios con criterios de eficiencia, pero tamén adaptados ás capacidades de ingresos, que non son infinitas. Non podemos permitirnos licitacións desertas ou contratos cuxo prezo non cubra os gastos da empresa adxudicataria".