CEG

 

“A planificación e desenvolvemento económico de Galicia e das novas empresas pasa máis que nunca polo Diálogo Social”

Encontro de Juan Manuel Vieites co conselleiro de Economía, Francisco Conde
Reunión co presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices. Foto do Parlamento de Galicia

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, está convencido do papel fundamental que o Diálogo Social debe xogar en Galicia para conseguir unha planificación e desenvolvemento económico óptimos e que as empresas galegas saian da pandemia o máis airosas posible, así como tamén na aplicación do principio de participación na  gobernanza dos fondos de recuperación.

Así o manifestou no marco do encontro que mantivo esta mañá co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde,  a quen lle trasladou a necesidade de “seguir facendo fronte aos efectos da pandemia con axudas que eviten o peche ou desaparición de numerosas empresas en Galicia afrontando, ao mesmo tempo, a modernización do tecido produtivo galego”.

Durante a reunión, mantida nun clima de sintonía e de boa predisposición para alcanzar acordos, Vieites abordou a intención de  impulsar desde a patronal galega un servizo de apoio ás empresas para a participación e aproveitamento dos Fondos da Unión Europea, que ofreza información e asesoramento ás compañías sobre os instrumentos dispoñibles e as condicións de acceso ao financiamento, en contacto directo e cooperación coas axencias encargadas da xestión de cada liña que se poña en funcionamento, estando a organización empresarial en disposición de contribuír á identificación e definición de proxectos  financiables cos fondos europeos. 

Para iso a patronal galega proponlle ao Executivo galego a  creación dunha oficina conxunta público-privada de identificación de proxectos empresariais da que tamén formen parte as confederacións provinciais. “E é que debemos traballar estreitamente para promover que as empresas de Galicia accedan aos Fondos de Recuperación e  Resiliencia xestionados directamente desde o Goberno de España”, expuxo Juan Manuel Vieites.

Así mesmo, a CEG considera imprescindible promover un maior nivel de investimento tanto público como privada en I+D+i como base dun desenvolvemento sólido do tecido empresarial galego. “O apoio á transferencia tecnolóxica e o nacemento de novas compañías e proxectos de empresas de base tecnolóxica deberán ser unha obxectivo clave, aproveitando igualmente os recursos que a Unión Europea pon e poñerá á nosa disposición durante os próximos anos”, trasladoulle o presidente da patronal galega ao conselleiro de Economía, xa que considera que se debe estreitar a colaboración entre a Confederación de Empresarios de Galicia e a Axencia Galega de Innovación ( GAIN) neste sentido.

Por último, Vieites apelou á “internacionalización” como “ferramenta fundamental para a saída da crise do 2008 e para a supervivencia e mantemento da actividade durante a situación que estamos a vivir”. Así é que lle trasladou a Francisco Conde a necesidade de “reforzar os mecanismos, sistemas e servizos de apoio ás empresas para mellorar a súa capacidade exportadora e de chegada a novos mercados”.

Reunión co presidente do Parlamento


Juan Manuel Vieites tamén mantivo esta mañá un encontro co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, continuando coa súa rolda de visitas institucionais e co obxectivo de trasladarlle os obxectivos máis inmediatos que persegue o empresariado galego e que se sustentan en atender as necesidades económicas xeradas como consecuencia da pandemia e en abordar a transformación do modelo produtivo e, en consecuencia, os retos da  descarbonización, a transición enerxética xusta e a economía circular, a dixitalización, o envellecemento da poboación, a captación do investimento e a reindustrialización, así como o incremento do investimento en I+D+i.

Durante a reunión, o presidente da patronal galega tamén puxo o foco na importancia de que se propicie unha “axilización burocrática” en favor de “optimizar procesos, custos e tempos tanto aos profesionais como ás empresas”. 

“Estou convencido de que a inminente Lei de simplificación administrativa de apoio á reactivación económica de Galicia supoñerá  un avance importante neste sentido”, expuxo.
 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.