CEG

 

A patronal galega reitera o seu rexeitamento á modificación do Regulamento da Lei de Costas

Rexeitamento á modificación do Regulamento da Lei de Costas

Tal e como xa se manifestou en abril do ano pasado, a Confederación de Empresarios de Galicia reitera o seu rexeitamento á modificación do Regulamento da Lei de Costas así como á interpretación da propia Lei aplicada nas últimas resolucións administrativas, polo seu preocupante impacto económico para Galicia, dado que afectaría a ao redor de 100 empresas, 1.100 parques de cultivo e case 5.000 edificios que se atopan no marco de protección mariña.

A contundente redución dos períodos de concesión para o funcionamento das industrias na liña de costa–nun principio falábase dun máximo de 75 anos, prórrogas incluídas, pero agora xa se expoñen concesións cun tope de 30, de 15 ou de 3 anos no peor dos casos-, así como o propósito de deixar libre a costa de todas aquelas actividades industriais que non necesiten estar na ribeira do mar para desenvolverse, son dous dos puntos que máis preocupan á patronal galega.

Deste xeito, a limitación dos tempos de explotación deriva nunha escasa marxe para investir na modernización ou ampliación das propias instalacións, así como para o establecemento de novas industrias, escenario no que vai implícito a máis que probable imposibilidade de recibir créditos das entidades bancarias.

En relación ao segundo dos puntos tratados, a CEG lembra que hai instalacións que para desenvolverse en condicións aceptables de rendibilidade deben situarse na franxa costeira. O traslado destas actividades a localizacións fóra da liña de costa derivarían en moitos casos na súa inviabilidade e en consecuencia, abocarían a empresas á súa desaparición; ademais de poñer de manifesto que o beneficio ambiental que se pretende por unha banda poderíase perder por outro se se obriga ao traslado de produtos do mar por estrada.

Singularidades da costa  gallega

La CEG considera que se están obviando as singularidades da costa galega -que ocupa 1.700 quilómetros-, a súa importancia para o sector industrial e en definitiva para o conxunto da economía de Galicia, e insta o Goberno a que se estableza unha mesa de análise e negociación cos sectores afectados, para que a regulación poña en equilibrio a protección e conservación do medio natural galego e o desenvolvemento socioeconómico da comunidade autónoma e por tanto dos seus sectores produtivos.

A patronal galega considera ambos os obxectivos viables e compatibles, e o diálogo con todas as partes implicadas como o medio para alcanzar un marco que preserve o interese xeral de Galicia no que se integran.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.