A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reclama unha “fiscalidade que apoie a recuperación económica e o crecemento sostido e a longo prazo”, polo que tería que ser “xusta, transparente e impulsora de equidade tributaria”, unha fiscalidade acorde á economía actual e “que permita atenuar as grandes ameazas derivadas da crise provocada pola recente pandemia: o déficit estrutural, o desemprego e o elevado nivel de débeda pública que se alcanzou en España”.
Así o pon de manifesto tras a celebración de senllas reunións de Comité Executivo e Xunta Directiva levadas a cabo esta mañá telemáticamente desde a sede a Confederación Empresarial de Ourense ( CEO), considerando ademais que a modificación do sistema fiscal que afecta a Galicia no seu conxunto e ás súas empresas en particular debería centrar as súas pretensións en atraer investimentos e iniciativas emprendedoras á Comunidade Autónoma evitando deslocalizacións das firmas galegas a outras rexións ou países.
Igualmente, e segundo o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, “o redeseño do sistema fiscal debería supoñer unha oportunidade para rebaixar a presión fiscal que se exerce sobre as nosas compañías que, nestes momentos, o que necesitan son recursos e capital para dinamizar a súa actividade”. E é que “unha parte importante do noso tecido produtivo ha sufrido enormemente as consecuencias da pandemia e as medidas restritivas adoptadas para evitar a expansión da mesma, enfrontándose agora a procesos necesarios de reconversión e reatribución de recursos, polo que se fai necesario levar a cabo medidas que acompañen e faciliten estes procesos de transformación”.
En definitiva, “non é o momento de subir impostos –afirma categoricamente Juan Manuel Vieites-, xa que esta decisión supoñería incrementar os custos que soportan as empresas e lastraría a tan esperada recuperación económica obrigándoas a reducir os seus niveis de investimento e influíndo moi negativamente na recuperación do emprego e da produtividade”.
“Entendemos que a pretendida harmonización fiscal debe darse axustando impostos á baixa perseguindo sempre a converxencia real entre territorios”, engade.
As reunións foron dirixidas por Juan Manuel Vieites, que estivo acompañado polos vicepresidentes da CEG Antonio Fontenla, presidente da CEC; Marisol Novoa, presidenta da CEO; e Jorge Cebreiros, presidente da CEP.
Tras a celebración dos encontros, Vieites aludiu igualmente nunha comparecencia pública á outra reforma que o Goberno ten encima da mesa e que preocupa ao empresariado, como a reforma laboral.
“Unha vez que se normalice a situación no que respecta a a vacinación da poboación e da pandemia do COVID-19, as institucións do mercado laboral deben seguir favorecendo a flexibilidade ás empresas para impulsar o crecemento da produtividade laboral e sempre a través do Diálogo Social”, expón Vieites.
“Neste sentido, mostramos o noso rexeitamento a algunhas das últimas cuestións expostas polo Goberno e que van precisamente en contra desa flexibilidade, como que as necesidades conxunturais actuais das empresas para contratar cando hai estacionalidade non estean cubertas”.
“A proposta do Executivo castiga ao emprego, polo que consideramos un contrasenso facer unha reforma laboral que nos poida levar a máis paro”, engade o presidente da CEG.
Juan Manuel Vieites tamén se referiu á subida do Salario Mínimo Interprofesional considerando que “non é o momento da subida pretendida, xa que primeiro toca centrarse na recuperación económica, e cando as empresas teñan osíxeno, abórdese este tema, sempre no marco do Diálogo Social”. “Doutra forma, sairiamos moi prexudicados con respecto aos países de Europa do sur e con Francia”, continúa.
Pola súa banda, a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, reitera na súa intervención o seu “total apoio á CEG para seguir traballando xuntos e manter esta unidade empresarial que alcanzamos neste novo percorrido do asociacionismo empresarial e que nos servirá, á súa vez, para acordar actuacións e propostas para seguir reclamando a favor do tecido empresarial galego”.
Incorporación de Fegatramer
Ademais, a Federación Galega de Transporte de Mercadorías (FEGATRAMER), organización sectorial de ámbito autonómico, entra a formar parte desde hoxe na organización empresarial galega tras a aprobación da súa integración no marco da reunión do Comité Executivo desta mañá.