A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebra a decisión adoptada pola Xunta de flexibilizar ao máximo, dentro das súas posibilidades, as condicións de acceso para que autónomos e pemes poidan acceder ás axudas do III Plan de Rescate para paliar os efectos da pandemia.
A organización empresarial galega concorda plenamente co Goberno autonómico nas dúas modificacións introducidas na convocatoria, como son a de ampliar o prazo de presentación de solicitudes dous meses máis, ata o 15 de setembro, e o de relaxar as esixencias relativas á caída no volume de facturación, pasando a fixarse no 30% para todas as actividades económicas, estean ou non incluídas no Anexo I do Real Decreto do Executivo que regula o plan.
Coa adopción destas dúas medidas, a CEG confía en que un maior número de empresas e autónomos poidan concorrer con éxito a estas axudas, tan necesarias para mitigar os efectos do coronavirus e apoiar a recuperación do tecido empresarial, máxime nun momento tan complicado como o que estamos a vivir.
O escaso volume de solicitude de axudas rexistradas ata o momento evidencia que as estritas condicións impostas para acceder a elas por parte do Ministerio de Facenda están totalmente fóra de lugar.
Así, e por unha banda, a excesiva carga burocrática esixida actúa de barreira para que as empresas e autónomos poidan tramitalas e conseguir a súa concesión final, e por outro, os fondos deste plan de axudas só pódense destinar a cubrir débedas contraídas ata antes do 31 de maio, polo que en moitos casos e dado que os potenciais beneficiarios liquidáronas con aforros propios non poden agora acreditalas.