A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) mostra a súa enorme preocupación pola alza desbocada da inflación, disparada no pasado mes de febreiro ao 7,4%, o seu maior nivel desde 1989, e escalando nun só mes 1,3 puntos, o que supón unha forte perda de poder de compra dos fogares e un golpe cada vez máis intenso ás empresas, pois xa se contan 12 meses consecutivos de incrementos.
A escaseza de materias primas, unido ao aumento dos custos enerxéticos e o auxe sostido da demanda, empuxaron á inflación ata niveis non vistos nos últimos 30 anos e convertérona nunha das principais ameazas para unha recuperación económica pospandémica aínda incipiente, desbaratando ademais os Orzamentos Xerais do Estado para este ano –unhas contas construídas segundo unhas previsións de crecemento do 7% e que se van recortando á vez que a evolución descontrolada do IPC e por suposto do conflito armado en Ucraína.
E é que o problema se agrava con respecto a este último punto, xa que se a guerra en Ucraína alongásese no tempo, póñense no disparadero mercados de subministracións esenciais e acrecentarase aínda máis o problema que xa temos co custo da enerxía –co despegamento dos prezos do gas ou do petróleo-, e/ou das materias primas –coa afectación dos minerais como o aluminio ou o cobre, pero tamén os cereais ou os fitosanitarios-, derivando nunha escalada de prezos difícil de parar.
Así as cousas, a CEG lembra que esta situación de inflación desbocada pon a proba a competitividade da economía española en xeral, e da economía galega en particular, xa que as taxas de inflación aumentaron en España moi por encima dos países da contorna, o que pode lastrar a actividade exterior das nosas empresas.
É por iso polo que a Confederación de Empresarios de Galicia solicita ao Goberno que active medidas urxentes dirixidas a paliar o impacto do incremento dos prezos perante este escenario de absoluta incerteza e desconfianza.