Comunicado de prensa
O Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19 publicado hoxe no BOE, recolle, no apartado uno da disposición adicional sexta, que “Con carácter excepcional e extraordinario, debido ao impacto económico das medidas aprobadas para facer fronte á crise sanitaria provocada polo COVID-19, os ingresos derivados da cotización por formación profesional obtidos no exercicio 2020, poderán destinarse ao financiamento de calquera das prestacións e accións do sistema de protección por desemprego definidas no artigo 265 do Real Decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, ou para financiar programas que fomenten a contratación de persoas desempregadas ou lles axuden a recuperar emprego”.
Así é que a norma recolle a posibilidade de que os ingresos derivados da cotización por formación profesional que achegan as empresas e os traballadores cuxo sistema se regula na Lei 30/2015, do 9 de setembro, poidan aplicarse ao financiamento de calquera das prestacións e accións do sistema de protección por desemprego, incluíndo finalidades máis amplas que a mera formación profesional para o emprego e producíndose desta maneira unha desafectación da cota de formación profesional ao financiamento do Sistema de Formación Profesional Para o Emprego.
Pois ben, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) móstrase en desacordo con esta medida -que supoñería a perda para Galicia de 100 millóns de euros para fondos de políticas activas-, xa que este capital resulta imprescindible para a reactivación da economía e para fomentar a empregabilidade das persoas traballadoras máxime nun momento de depresión económica e social como ao que xa estamos a asistir.
A implementación das medidas de loita contra o coronavirus está a requirir un inmenso esforzo orzamentario para o Estado Español e está fóra de toda dubida que a cobertura das prestacións e subsidios de protección por desemprego debe ocupar unha das máximas prioridades do Goberno nestes momentos nos que tantos empresarios e traballadores están a pasalo moi mal. Agora ben, esta situación non debe afectar a medidas que con toda seguridade serán máis necesarias que nunca para reactivar a nosa economía. Así que utilizar os fondos de políticas activas de emprego para financiar subsidios non parece en absoluto razoable.
A caída esperada do PIB, a destrución de tecido empresarial e as altas cifras de persoas desempregadas son o escenario post-virus que nos espera, e sobre o cal debemos traballar para atenuar os seus efectos sobre a poboación galega, os fondos para o emprego e para a formación son, se cabe, máis necesarios que nunca. É por iso polo que non compartimos que se hipotequen a propósito de que son unha ferramenta fundamental para tratar a crise que sabemos imos ter que afrontar.
Finalmente, consideramos que esta decisión conleva o abandono de políticas activas que desde a nosa comunidade autónoma viñan facendo - e que demostraron un alto grao de eficacia-, e subtraen aos traballadores e ás empresas o seu dereito á formación para un futuro cada vez máis incerto.