A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebra a segunda edición do torneo "Atlantic Golf Business Cup", organizada xunto coa Associação Empresarial de Portugal (AEP) e co patrocinio de ABANCA.
Dende a CEG explican que este evento é unha oportunidade para gozar dunha xornada de deporte e á súa vez "compartir e promover a cooperación cada vez máis necesaria entre os empresarios de Galicia e do norte de Portugal, un socio comercial privilexiado para Galicia, cuxa unión e colaboración é fundamental para abordar o futuro".
No evento participaron o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e o presidente da Associação Empresarial de Portugal (AEP), Luís Miguel Ribeiro.
Así mesmo, participaron no torneo xogadores de distintas empresas galegas como Abanca, AFAMSA, As Laxas, Bimba y Lola, Bingos Costa Verde, Clínica ITEMA, EAU Arquitectura SLP, Ediprem, Gdoce, Grupo Copo, Industrias Proa, Real Impact. E, por parte de Portugal, APCER, Balmer Demos, Konceptil SA, Leilosoc, Montepio Crédito, Mulligan, Mundotêxtil, Non More, Real Objectiva, Top Atlântico, Transduo. Todas elas de sectores empresariais como o financeiro; agrolimentario; industria manufacturera; actividades do ámbito da sanidade; actividades profesionais de arquitectura; industria cinematográfica; servizos; forestal e industria madeireira; comercio; construción e téxtil.
Na CEG afirman que Galicia e Portugal poden colaborar en proxectos de desenvolvemento sustentable que aborden desafíos ambientais compartidos, como a xestión de recursos naturais, a enerxía renovable e a conservación do medio ambiente e participar en iniciativas conxuntas que promovan prácticas sustentables en ambos os territorios.
"Galicia ten vantaxes na súa localización e sectores económicos clave, pero enfronta desafíos nunha contorna comercial global. A internacionalización exitosa requirirá diversificación, investimento en tecnoloxía e promoción efectiva. A Confederación de Empresarios de Galicia pode desempeñar un papel crucial no apoio ás empresas locais neste proceso. Traballamos en estreita colaboración con empresas galegas e outras institucións para impulsar a internacionalización das compañías locais, identificar oportunidades de negocio en mercados estranxeiros e facilitar a cooperación comercial a nivel global", asegurou Juan Manuel Vieites.
O presidente dos empresarios galegos sontén que a CEG actúa como a principal entidade de representación dos empresarios e empresas galegas para promover un ambiente empresarial favorable, representar os intereses empresariais e ofrecer apoio e asesoramento ás empresas galegas, contribuíndo ao desenvolvemento económico e empresarial de Galicia. "Buscamos promover o desenvolvemento económico da rexión a nivel internacional, fortalecendo as relacións comerciais e fomentando a cooperación empresarial no estranxeiro. A CEG desempeña un papel fundamental ao representar e apoiar os intereses das empresas galegas no ámbito internacional, contribuíndo así ao crecemento e a prosperidade de Galicia no escenario global".
En canto á acción exterior galega, a CEG proporciona asesoramento e recursos informativos a través do seu Servizo de Licitacións Internacionais (SALT). Ademais, traballa estreitamente con socios do norte de Portugal, como a propia AEP ou Confminho, a través de dúas redes europeas: a Enterprise Europe Network e a rede EURES, a través EURES Transfronteirizo Norte Portugal - Galicia, "para coñecer a realidade da mobilidade de traballadores e empresas entre ambos os países e sobre todo contribuír a solucionar os obstáculos que aínda persisten á mobilidade de persoas para traballar ou para residir e á mobilidade das empresas que prestan servizos alén da fronteira, ben con establecemento permanente ben en libre prestación de servizos".
A CEG coordina precisamente no marco do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a elaboración dun informe con carácter anual, recollendo e sistematizando fontes e datos para coñecer mellor a mobilidade. Ademais, é a única organización empresarial que conta cunha Conselleira EURES en España, un persoal altamente especializado e integrado na Rede EURES, que presta servizos de información e asesoramento ás empresas de Galicia en materia de mobilidade transfronteiriza.
"Non podemos esquecer que en Galicia hai 14.442 persoas orixinarias de Portugal desenvolvendo a súa actividade laboral e económica. E que xa en 2008, España e Portugal crearon un brazo executor da comunidade de traballo con personalidade xurídica propia: A Agrupación Europea de Cooperación Territorial, das primeiras de toda a UE e desde a que se promoven e xestionan proxectos e servizos de interese eurorrexional", subliñou Vieites.