CEG

 

A Confederación de Empresarios de Galicia advirte que o acordo de PSOE e Junts "é unha aposta deliberada pola desigualdade entre as comunidades autónomas"

A Confederación de Empresarios de Galicia advirte que o acordo de PSOE e Junts "é unha aposta deliberada pola desigualdade entre as comunidades autónomas

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) advirte que "os empresarios e empresarias necesitamos estabilidade política, como base fundamental do desenvolvemento económico e da prosperidade social".

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, denuncia "a división social e o desarraigamento a que están a dar lugar as negociacións mantidas e os acordos alcanzados polo PSOE, segunda forza máis votada nas pasadas eleccións, con outros partidos ou grupos minoritarios a nivel estatal como Junts, PNV ou Sumar. Iso xera inestabilidade e traslada aos empresarios e investidores unha mensaxe que con toda seguridade contraerá a posta en marcha de iniciativas e proxectos e por tanto a xeración de riqueza e emprego no noso país".

O acordo subscrito con Junts Per Catalunya, "contraven a Constitución española, norma fundamental sobre a que pivota o noso estado de dereito e garantía de convivencia entre os diferentes territorios e cidadáns que compomos España", explica.

Vieites apunta a que "dende Galicia, entendemos este acordo como unha afronta á nosa Constitución, pero sobre todo como unha aposta deliberada pola desigualdade entre as comunidades autónomas e entre os españois. Non podemos admitir acordos que aposten pola autonomía financeira de parte do territorio, neste caso da Comunidade Autónoma de Cataluña, que rompe o actual modelo previsto na Lei Orgánica de Financiamento das CCAA e o principio de solidariedade entre territorios".

Así mesmo, engade que "tampouco podemos admitir a subscrición de acordos que pretendan condicionar ou dirixir o establecemento de empresas nuns territorios en detrimento de outros. Avogamos pola liberdade de empresa e pola liberdade de establecemento, como consagra a nosa constitución e como parte dunha do catro liberdades nas que se asenta o mercado interior da Unión Europea que este ano celebra o seu 30 aniversario".

Doutra banda, fai fincapé tamén no cuestionamiento do sistema xudicial. "Non podemos permitir que se cuestione o sistema xudicial, aludindo abertamente á politización das resolucións que emanan dos nosos tribunais. É inadmisible a mención ao lawfare. España é un estado social e democrático de dereito, no que debemos preservar a división de poderes. O cuestionamiento da independencia xudicial ou a introdución de inxerencias do tipo que sexan, condicionará a seguridade xurídica dos nosos operadores económicos e disuadirá novos investimentos".

En definitiva, dende a CEG consideran "improbable a incorporación da gran maioría de medidas previstas no acordo no marco do noso sistema de convivencia, presidido pola Constitución".

Finalmente, manifestan a súa preocupación e rexeitamento ao acordo subscrito con Sumar, xa que consideran que prexudicará gravemente o marco no que desenvolverán a súa actividade as empresas durante os próximos anos, de prosperar as medidas acordadas e darán pé a un escenario de inseguridade xurídica, de inestabilidade social e dunha maior carga fiscal para as empresas do resto de España.

"Rexeitamos calquera acordo que atente contra a autonomía dos interlocutores económicos e sociais e os acordos que estes alcancen no marco de diálogo social e a negociación colectiva, polo que rexeitamos tamén o acordo programático do PSOE con Sumar, na medida que invade ámbitos de negociación e pon en dúbida os acordos entre empresarios e sindicatos.

Ademais, mostramos tamén a nosa preocupación e rexeitamento ao acordo do PSOE con EAJ-PNV, pois abunda no distanciamento e a división, que suporá entre outras cuestións o traspaso da xestión económica da Seguridade Social, sistema que pola súa importancia non debe ser obxecto de negociación política".

E engaden que "España necesita un goberno estable que xere confianza ás empresas e aos cidadáns, permitindo o noso desenvolvemento económico e social. Necesitamos un proxecto para todos os españois e así debe ser presentado polo Goberno de España que resulte, desde a unidade, a solidariedade e o estado de dereito".

O presidente do empresariado galego alerta que "as alianzas subscritas traerán un escenario de permanente incerteza e tensión política e social pola multiplicidad de asuntos e compromisos pendentes de negociación, concreción e execución, moitos deles contrarios á Constitución".

O presidente da CEG participou no Comité Executivo extraordinario e de urxencia convocado por CEOE, para este luns, en Madrid, para abordar precisamente a situación de España.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.