A Comisión Mar Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) recibiu ao Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares.
A Comisión trasladoulle a preocupación do sector pola caída do consumo de peixe. Ademais da necesidade de eliminación/redución do IVE que grava o consumo dos produtos do mar; así como a coordinación de campañas de promoción entre Xunta de Galicia e empresas do sector, dirixidas a promocionar o consumo destes produtos.
Durante a reunión abordouse tamén a problemática da contaminación nas rías e púxose de manifesto a necesidade dun saneamento integral para que estean en pleno funcionamento.
Doutra banda, falouse da importancia da correcta identificación e distinción das importacións de produtos estranxeiros. "Dende a Comisión Mar-Industria da CEG recoñecemos como boa a existencia de competencia, pero o consumidor debe coñecer de onde procede o produto que compra. O mesmo sucede cos produtos vexetais que conteñen referencias a produtos do mar".
O sector mar industria mostrouse preocupado pola afectación do cambio climático e polo seu impacto no medio. "Pedimos que haxa equipos de investigación a nivel rexional e nacional dedicándose a estudar estes cambios, por que se perdeu até o 50 % da produción de mexillón nalgúns casos? É necesario saber que está a pasar nas nosas rías". A temperatura da auga está a alcanzar niveis anómalos (22,5 º C na Ría de Arousa en xuño de 2023).
Desde a comisión especializada da CEG sinalan a necesidade de facer un esforzo en investimento: "as instalacións portuarias están obsoletas en determinadas áreas de Galicia. Pedimos comunicación entre a Consellería do Mar e Portos de Galicia".
O empresariado galego insiste na excesiva burocracia. "Advertimos de procesos demasiado longos para aquelas empresas dispostas a levar a cabo proxectos de investimento necesarios para Galicia e para as súas industrias". Reiteraron a petición dun PERTE que aplique ao sector mar-industria.
Tamén apuntaron a unha regulación da Axenda 2030/2050 incompatible coa continuidade da produción en Europa, con todo, falan de que si poderá prover Asia, con regulacións máis laxas, en relación coa contaminación, etc.
Doutra banda, abordaron o problema de substitución xeracional. "A idade media de ocupación é alta e trátase dun sector no que a idade de xubilación é menor. Ponse sobre a mesa o risco que corre o futuro do sector e de Galicia. Debe haber unha concienciación social, para que as persoas coñezan o sector primario e o que hai detrás del, resulta sumamente necesario para que o valoren e queiran participar e investir nel".
Incidiuse na preocupación por "unha deriva medioambientalista da Comisión Europea. Debemos lembrar que a sustentabilidade tamén debe ser económica e social. Existe a necesidade de proceder á difusión de informes do impacto socioeconómico sobre o sector".
Así mesmo, trataron o desenvolvemento da eólica mariña. Existe un interese por intercambiar coñecemento coa xente do mar, que coñece moi ben o territorio e buscar sinerxías desde os comezos.
Finalmente, abordouse, unha vez máis, a necesidade de contar con seguridade xurídica e cun marco que permita a Galicia xestionarse como xa fan outras comunidades autónomas con estatutos de autonomía idénticos ou moi parecidos. "É necesario resolver canto antes a inseguridade xurídica na que nos atopamos: en particular, superar a situación da Lei de Ordenación e Xestión do Litoral, recorrida polo Goberno de España". Para iso solicitan unha solución de consenso e entendemento entre Madrid e a Xunta de Galicia.