CEG

 

A Comisión Mar Industria da CEG pide á Consellería do Mar crear mesas técnicas de traballo para a mellora da xestión e a produción dos parques de cultivo

A Comisión Mar Industria da CEG pide á Consellería do Mar crear mesas técnicas de traballo para a mellora da xestión e a produción dos parques de cultivo

A Consellería do Mar e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) traballan en conxunto analizando o descenso da produción e a caída do consumo e, en xeral os problemas que máis preocupan ao sector mar industria.

Neste sentido, a última Comisión Mar Industria da CEG contou co conselleiro do Mar, Alfonso Villares, con quen buscan alianzas para lanzar campañas de promoción entre a poboación, ante a caída do consumo de peixes, mariscos e os seus derivados. 

O presidente da CEG, lembra que o conxunto do sector "está a sufrir a baixada en vendas do consumo dos produtos da pesca, con caídas do 25-30% no período 2023 ao 2024 e do 7% extra no primeiro trimestre de 2024?. Por iso, cuéstionase "por que o Goberno de España non considerou o peixe como alimento básico, quedando excluído da redución do IVE".

Juan Manuel Vieites trasladou a necesidade do sector de "liñas de axuda e apoio que palíen a crítica situación que puxo en risco a propia supervivencia de numerosas empresas e pedir unha comunicación máis fluída respecto dos estudos e análises que leven a cabo".

Pola súa banda, Alfonso Villares, puxo en valor as políticas da Xunta de Galicia levadas a cabo nos últimos meses para incentivar á poboación ao consumo de peixe como elemento básico na dieta e no mantemento da actividade do propio sector. É o caso de campañas como Galicia Sabe AMAR, que xa chegou a preto de medio millón de persoas e superou os 400 municipios visitados de España e Galicia; ou coa presenza en feiras e salóns gastronómicos do mundo. En definitiva, un apoio ás PEMES do sector que contribuíu a obter no último exercicio unha marca exportadora de produtos do mar superior aos 2.700 millóns de euros.

Fronte a este esforzo investidor da administración autonómica, o conselleiro do Mar afeou ao Goberno central que non incluíse os produtos pesqueiros na lista de alimentos con redución de IVE. E é que "esta decisión do Executivo de Pedro Sánchez está a impedir que se mova o mercado ou que as familias con menos recursos deixen de compralo, cos consecuentes efectos negativos que isto leva para a súa saúde".

Durante a reunión coa Comisión Mar Industria da CEG, acordaron a planificación de reunións nas que se conte con expertos da academia e do sector para analizar e estudar con rigor as causas que conduciron a esta situación, "onde a baixa salinidade provocou un descenso interanual de máis dun 60 % entre as especies máis representativas, afectando significativamente ao sector marisqueiro e mexilloeiro, sendo preto do 100% nalgunhas especies e zonas de produción. A caída na produción de bivalvos ten un gran impacto nos centros de depuración especializados en especies galegas e nas empresas de procesado e transformación".

Do mesmo xeito, abordaron con Villares as deficiencias estruturais que presenta o sistema de xestión e extracción de bivalvos nas rías. Neste punto solicitáronlle "constituír mesas técnicas na que se poida traballar con todos os actores para a mellora da xestión de parques de cultivo e definir un plan que contribúa á consecución dun sistema de xestión eficiente dos parques que incentive a actividade e preserve a condición de Galicia como rexión por excelencia de produto de calidade", explican. Vieites insiste en que "hai que traballar xuntos todos para obter bos resultados. Somos todos necesarios. Debemos promover e traballar xuntos en recuperar a produción".

Tamén se mostraron críticos coas plataformas que pon en cuestión a marca Galicia: "temos a mellor calidade da auga de Europa".

Por último, abordaron a compatibilidade da eólica mariña coa pesca. Desde a CEG chaman "a traballar na convivencia de todas as actividades produtivas, sen que choquen co sector mar industria. Todos xuntos, desde o punto de vista da cooperación pública privada e con medidas determinadas sairemos fortalecidos para poder gañar ese reto de futuro, a través dos produtos do mar. Debemos seguir defendendo este sector, xa que Galicia é un punto de referencia a nivel nacional e internacional".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.