CEG

 

A CEG xunto con ASIME, FEGACONS e ARVI esixen ao Goberno decisións urxentes e áxiles sobre os costes enerxéticos para evitar un colapso da economía

Rolda de prensa

“Esiximos que o Goberno tome decisións urxentes e áxiles sobre os custos enerxéticos para evitar un colapso da economía”. Esta foi, entre outras moitas, unha das medidas nas que de forma unánime coincidiron en reclamar esta mañá na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) o seu presidente, Juan Manuel Vieites, ademais de secretario xeral de ANFACO- CECOPESCA; Enrique  Mallón, secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME); Diego Vázquez Reino, presidente da Federación Galega da Construción ( FEGACONS); e Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo ( ARVI), nunha rolda de prensa celebrada para abordar os efectos da guerra en Ucraína sobre os sectores da economía galega e as súas posibles solucións.

Neste sentido, Vieites, que comezou “condenando os actos violentos e antidemocráticos de bloqueo que están a ocasionar estes días graves prexuízos na cadea de subministracións de sectores como a industria, o comercio e o sector agroalimentario, que lexítima e libremente deben poder exercer a súa actividade” en alusión á folga do transporte, puxo o acento a continuación nalgunhas das medidas que deben ser tomadas con carácter urxente polas administracións públicas como “a redución inmediata de impostos aos produtos enerxéticos –electricidade, gas e carburantes-; a retirada conxuntural da taxa de CO2; garantir a subministración de materias primas e materiais necesarios; abrir mercados alternativos de aprovisionamento para que non sexa necesario deter a actividade; establecer mecanismos de flexibilidade na contratación pública para adaptar os prezos dos contratos á realidade do mercado; axilizar a posta no mercado dos fondos da Unión Europea”; e por suposto a medio-longo prazo é preciso “ robustecer o noso músculo produtivo” e “reformar a configuración actual de determinación de prezos da enerxía eléctrica #ante Europa”.

Pola súa banda, Touza, que ten claro que “é inasumible saír a faenar custando a un euro o litro de gasoil”, pide “solucións xa” con “actuacións para evitar sabotaxes nos transportes, exoneración de cotas á Seguridade Social, a redución impositiva das taxas portuarias, a baixada do IVE do peixe, topar os prezos do gasoil e a articulación de  ICOs”.

Enrique  Mallón fixo durante a súa intervención un chamamento para “que se poñan xa os medios necesarios para evitar que rompan as cadeas de subministración, porque son absolutamente vitais para que a economía continúe” e apelou a “que se utilicen todas as fontes de enerxía” apostando  polas enerxías renovables como a eólica mariña.

Por último, Vázquez Reino expuxo que a gravidade da situación chega a que o as empresas do sector que representa veranse “abocadas a parar a partir deste venres por falta de subministracións”. Manifestou ademais que “se produciu un incremento do 22% do custo dos materiais desde o ano pasado” e que “é necesario modificar a Lei de Contratos Públicos porque a día de hoxe é imposible cumprir coa execución dos contratos”.

 

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.