CEG

 

A CEG urxe un novo Goberno estable e lembra que entre as súas prioridades deberán estar a creación de emprego e a baixada da inflación subxacente e da débeda pública

A CEG urxe un novo Goberno estable e lembra que entre as súas prioridades deberán estar a creación de emprego e a baixada da inflación subxacente e da débeda pública

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, urxe á estabilidade no marco de conformación dun novo Goberno de España. Así mesmo fala da necesidade de que os novos mandatarios teñan en conta que as prioridades deberán pasar pola creación de emprego, a baixada da inflación subxacente e da débeda pública. 

Dende a patronal lembran que as propostas empresariais da CEG foron transmitidas a todos os partidos políticos con representación en Galicia, destacando mellorar da regulación, a través da simplificación normativa, como unha das principais tarefas do Executivo.  

Desde a Confederación fan referencia a que as previsións apuntan a que a inflación se manterá moderada os próximos meses, aínda que advirten de que podería haber algún repunte puntual na última parte do ano, esperando que a taxa media de inflación sexa moito máis baixa que o ano pasado. 

Neste contexto, é de vital relevancia o V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) alcanzado por empresarios e sindicatos, que establece un marco para os incrementos salariais do período 2023-2025 e que "xera confianza e contribúe a evitar unha espiral inflacionista". 

Piden que se traballe por e para que a tendencia de caída adicional dos prezos dos produtos enerxéticos e a desaceleración dos prezos dos bens industriais e dos alimentos non elaborados continúe os próximos meses e por estabilidade tamén neste sentido, para que familias e empresas non perdan poder adquisitivo nin marxe de aforro ou investimento.   

"Reclamamos estabilidade ante a conformación do novo Goberno de España. A nosa principal preocupación radica na incerteza económica e na desaceleración da economía que enfronta o conxunto do Estado e Galicia con el. Debe haber un acordo que garanta estabilidade e moderación, para asegurar o bo funcionamento da economía e o benestar social do país. Ten que prevalecer o sentido de Estado e o respecto ao marco constitucional para protexer os avances económicos e sociais logrados durante as últimas décadas e manter a confianza en España como país", sinalou Vieites. 

Ao empresariado galego preocúpalle a incerteza que se espera despois do verán. Explican que as tensións xeopolíticas, derivadas da guerra de Ucraína, a política monetaria restritiva e a alta inflación, poden impactar negativamente no consumo e o investimento das empresas e as familias. "Polo tanto, o gran reto do novo Goberno e de todos, como país, é o reequilibrio das contas públicas, unha nova fiscalidade que fomente a competitividade empresarial, o impulso da industria no marco da transición verde e a dixitalización, e o fomento da formación profesional adaptada ás necesidades das empresas. Desde logo, non podemos deixar de reivindicar tampouco o cesamento de ataques institucionais ao empresariado". 

Tal e como indicaran entre as súas propostas desde a CEG insisten en que: "É necesario volver a un sistema de elaboración de normas sosegado, racional e cunha participación adecuada dos sectores afectados; avanzar na redución das cargas administrativas e evitar que a nova lexislación engada máis cargas que contrarresten outros efectos beneficiosos. É imprescindible avaliar o impacto económico de cada nova disposición, tanto para o ámbito público como para o privado", reiterou. 

Como medida esencial, desde a CEG, considérase que as cotizacións sociais deberían atender exclusivamente a prestacións contributivas, imputando o custo das demais prestacións aos Orzamentos Xerais do Estado. "Deberíase traballar en reducir as cotizacións empresariais á Seguridade Social por traballador e promover un menor custo laboral, maior competitividade e maior capacidade de contratación". Piden incentivos fiscais ao investimento para a creación de emprego e o emprendimiento e a eliminación do Imposto sobre o Patrimonio. Ademais, solicitan evitar a creación de novos impostos.  

Apostan por un modelo que reduza e simplifique o sistema fiscal, tanto en número de tributos como en presión, tanto a cidadáns como empresas. "Precisamos unha baixada para todos, xeneralizada: É preciso eliminar impostos que afectan directamente á continuidade de moitas empresas, especialmente as empresas familiares, como son o Imposto de Patrimonio ou o de Sucesións e Doazóns". Como xa ocorreu recentemente nalgunha comunidade autónoma. 

Vieites volve insistir en que "os empresarios son a fonte primordial de xeración de riqueza e emprego, por iso non debemos descoidar a adopción de medidas necesarias para fomentar o emprendimiento. É necesario promover instrumentos de financiamento e garantías adecuadas para proxectos viables; medidas que favorezan a sucesión de empresas, permitindo a cotitularidad durante períodos de transición; axilidade e simplificación da tramitación administrativa necesaria para pór en marcha un negocio: coordinación entre administracións, procedementos sinxelos e resolución áxil; e formación adecuada e adaptada a quen queren emprender". 

Por último, sobre absentismo laboral engadiu que o gasto en continxencias comúns podería ser minimizado e controlado se as Mutuas puidesen incrementar a súa capacidade de actuación no ámbito da xestión das mesmas e que reducir a duración media e prevalencia dos procesos de IT nas empresas é imprescindible. 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.