A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) critica que se perdeu a oportunidade de avanzar na formalización do estatuto do traballador transfronteirizo durante o recente Cumio Ibérico.
Explican que é fundamental seguir traballando neste instrumento cuxa elaboración se comprometeu xa no cume hispano-lusa celebrada en Trujillo no ano 2021, tal e como recolle o protocolo sobre cooperación institucional relativa aos traballadores transfronteirizos, asinado polos ministerios competentes en materia de emprego español e portugués. "Representa unha oportunidade perdida para fortalecer a competitividade rexional e mellorar a calidade de vida de miles de traballadores portugueses e galegos que dependen dun marco legal máis coherente e que cruzan a raia para traballar", aseguran.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, afirma que subliñaron durante anos a importancia de facilitar a libre circulación e os dereitos a ela vinculados dos traballadores transfronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal, rexións cunha interdependencia económica crecente. "O estatuto do traballador transfronteirizo é crucial para resolver problemas asociados coa fiscalidade, a coordinación da seguridade social ou o recoñecemento de cualificaciones e dereitos laborais en ambos os países".
Vieites di que "a falta de progreso na formalización do estatuto neste cumio debilita os esforzos de integración económica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. As empresas galegas, que xa enfrontan desafíos derivados da burocracia transfronteiriza, verían unha vantaxe na simplificación e armonización das normativas que afectan a estes traballadores".
A CEG volve reiterar que "existen dificultades que merecen ser abordadas con urxencia e que se visualizan máis nas áreas de fronteira. Existen moitos supostos e casuísticas novas que deberían ser obxecto de análise e regulación e que nas áreas como a eurorrexión identifícanse a miúdo conformando por tanto un laboratorio ideal para o seu estudo e para establecer solucións que despois poidan ser extrapolables a outros territorios. O estatuto do traballador transfronteirizo debería ser unha oportunidade para atraer persoas e mellorar a competitividade das empresas da eurorrexión: as barreiras transfronteirizas deben abrirse polo ben común", lembra Vieites.
Sobre o traballo avanzado para o estatuto do traballador transfronteirizo
O estatuto do traballador transfronteirizo foi obxecto de varias iniciativas e estudos por parte de Galicia e o norte de Portugal debido á crecente necesidade de harmonizar os dereitos laborais e fiscais entre ambas as rexións. Nos últimos meses, a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Galicia Norte de Portugal liderou un rigoroso traballo de identificación de necesidades e solucións para mellorar a realidade dos traballadores transfronteirizos, coa participación da rede EURES e das organizacións empresariais e sindicais na Eurorrexión, pondo os resultados a disposición de España e de Portugal para avanzar na mellora das condicións de mobilidade destes traballadores e os seus empleadores.