A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) rexeita de pleno o acordo alcanzado entre a coalición PSOE e Unidas Podemos e EH Bildu para derrogar a reforma laboral a cambio da súa abstención na votación á última das prórrogas do estado de alarma.
Adoptar este pacto revela unha gran falta de respecto, xa que retornar á regulación anterior á do 2012 pode poñer en risco a supervivencia de miles de empresas e de millóns de empregos, máxime nun momento tan sensible da economía española.
Sen ningunha dúbida, trátase dun desprezo intolerable ao diálogo social, ao que destrúe; botando por terra o principal instrumento de cohesión social e progreso económico e que a propia Constitución concede aos axentes sociais.
Ademais, o pacto tampouco ten en conta as recomendacións emitidas onte pola Comisión Europea, nas que expón a necesidade de fundamentar a recuperación a medio prazo en medidas de apoio ao emprego tomadas de acordo cos interlocutores sociais, tales como a flexibilización das condicións laborais. Está fóra de toda dúbida de que incrementar a rixidez no mercado laboral supoñerá unha involución na lexislación laboral.
Nun momento no que o diálogo social é máis necesario que nunca, a CEG teme que con este acordo limítese a capacidade de adaptación das empresas á realidade económica actual e ás necesidades do mercado.
Por último, as consecuencias do acordo alcanzado derivarán nunha perda de confianza empresarial tanto nacional como internacional, con incalculables perdas para a economía española e galega; así como tamén se levaron a cabo en balde os esforzos realizados para, a través dos expedientes de regulación temporal de emprego ( ERTE), lograr hibernar os persoais e salvagardar millóns de postos de traballo.