O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, reuniuse co candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo, Nicolás González, para presentarlle as prioridades empresariais de face ás eleccións europeas do próximo día 9 de xuño.
Vieites afirma que "os cidadáns europeos estamos chamados ás urnas para renovar o Parlamento Europeo. Hai por diante grandes e novos retos, e da súa capacidade para establecer as prioridades destes retos e a forma de afrontalos dependerá, en boa medida, a evolución da nosa economía nos próximos anos tendo en consideración os importantes desafíos que supoñen as transicións enerxética e dixital".
Os empresarios galegos consideran que "é necesario multiplicar os esforzos necesarios que permitan harmonizar e complementar o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia coas accións e proxectos executados ou en fase de execución e as futuras iniciativas".
Suxiren mobilizar o capital dispoñible dos fondos e programas da Unión para reforzar a competitividade das empresas europeas e "dotarnos dun marco financeiro plurianual que dea apoio eficaz aos investimentos que permiten impulsar sectores e actividades competitivas e con potencial de crecemento".
Así mesmo, sinalan que completar e fortalecer o mercado único europeo debe ser unha prioridade básica neste novo ciclo. "É fundamental garantir ante todo a uniformidade na aplicación do dereito da UE, faise necesario crear mecanismos que garantan que os estados membros implementan e transponen as disposicións europeas aos seus ordenamentos xurídicos evitando o gold plating que implica a adición doutros requisitos nacionais excesivos".
O presidente do empresariado galego asegura que "somos conscientes das diferentes dificultades identificadas polas empresas á hora de innovar, como o elevado custo da innovación, a necesidade de maior financiamento, a mellora da fiscalidade da I+D+i ou a falta de profesionais, polo que expomos propostas que teñen como obxectivo impulsar a I+D+i nas nosas empresas, o que redundará nunha mellora da competitividade, facilitando o crecemento e a internacionalización da empresa, en especial da peme".
Entre outros asuntos, falaron do sector primario europeo "é a columna que garante a soberanía alimentaria e permite abastecer en tempo e forma á poboación europea. Con todo, está exposto a multitude desafíos que, en ocasións, son compartidos polo sector agrícola e o sector pesqueiro. Polo que é necesario que as institucións europeas escoiten e respondan as demandas do sector primario, apoiando as súas mobilizacións e preocupacións mediante políticas que aseguren condicións de competencia xusta".
Por iso, piden "fortalecer o cumprimento de acordos comerciais e garantir a inclusión de cláusulas espello que obriguen aos produtos agroalimentarios e pesqueiros importados a cumprir cos mesmos estándares que os produtos cultivados, criados ou capturados na Unión Europea, garantindo así a seguridade e a calidade alimentaria".
Doutra banda, Vieites destaca que "Galicia concentra máis do 10 % das descargas de peixe fresco da UE, achega o 20% da produción acuícola europea e é a primeira rexión europea e o segundo mundial na produción de conservas de peixe e marisco. A nivel comunitario, o sector conta coa Política Pesqueira Común (PPC), cuxa finalidade é conservar os recursos biolóxicos mariños e xestionar e controlar a pesca europea dentro e fóra das augas da Unión Europea (UE). Neste sentido, as medidas adoptadas desde instancias comunitarias teñen un gran impacto no sector mar industria galego".
Por iso, desde a CEG consideran necesario "que nas decisións respecto da seguinte reforma da Política Pesqueira Común e demais normativas relacionadas co sector se atenda a necesidade de contar cun comisario específico de pesca na próxima Comisión Europea".
Sobre infraestruturas, Vieites lembra que o noroeste peninsular resultou excluído do órgano da xestión loxística da rede transeuropea de transporte de mercadorías, encargado de coordinar a circulación de trens por España, Portugal, Francia e Alemaña. "Para Galicia e o seu tecido empresarial constitúe un factor crave o modernizar a rede ferroviaria e dotala de características de calidade para o transporte de mercadorías, conectándoa coas infraestruturas portuarias pois gran parte da superficie das instalacións loxísticas son marítimas. É relevante para impulsar a mobilidade sustentable e lograr un transporte eficiente, reto no que están comprometidas as empresas galegas".
Por último, subliña que "é necesario fortalecer e poñer en valor o diálogo social no marco europeo para realizar un traballo permanente de proposta de medidas, de avaliación de impacto e resultados e modificación destas ou proposición de novas medidas en función da evolución socioeconómica".