CEG

 

A CEG preocupada polas consecuencias das paralizacións de autorizacións de proxectos enerxéticos ou industriais

A CEG preocupada polas consecuencias das paralizacións de autorizacións de proxectos enerxéticos ou industriais

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) manifesta a súa "profunda preocupación" pola actual inseguridade xurídica para o desenvolvemento de parques empresariais e proxectos industriais en Galicia, "diante da revisión das autorizacións en sede xudicial, que pon en cuestión o traballo da administración e en particular a correcta avaliación ambiental e de impacto sobre o medio".

A estimación de diversos recursos presentados contra a concesión por parte da Xunta de Galicia da autorización de parques eólicos deu lugar, detallan dende a CEG, a que proxectos aprobados pola administración sexan posteriormente rexeitados ou desautorizados, cos correspondentes prexuízos para os promotores e a súa contorna: empresas, traballadores, concellos, propietarios, etc.

"Todo iso fai que planee entre as nosas empresas e promotores a sombra da inseguridade xurídica que pode chegar a ser paralizante para calquera investidor: Despois de moitos meses esperando pola preceptiva licenza e unha vez concedida, podemos volver á casa de saída. A pregunta é: quen vai pagar os prexuízos xerados a promotores e empresas?, que ven como os seus proxectos aprobados son obxecto de revisión e deben cesar na súa execución. Os empresarios necesitamos un marco xurídico claro e estable", subliña o presidente da CEG.

Juan Manuel Vieites manifesta que "estamos moi preocupados polas consecuencias que pode ter de face ao futuro a revisión da aplicación sistemática da normativa estatal ou autonómica relativa ás autorizacións de proxectos enerxéticos ou industriais, entre outros, máis se cabe á revisión ao detalle de procedementos de avaliación de impacto ambiental que se desenvolveron previamente pola administración, durante longos meses".

A este respecto, o presidente dos empresarios galegos advirte que "as paralizacións non son gratuítas. Detrás de cada proxecto hai moitas empresas que sofren importantes custos cada vez que se adopta unha decisión de paralización. Galicia está nun momento clave para modificar o seu modelo económico e industrial e os proxectos eólicos son parte fundamental da necesaria transición enerxética, que debe facernos máis competitivos". 

Algunhas organizacións xa anunciaron a principios de xuño que iniciarán accións legais contra decenas de proxectos autorizados.

Os tempos de tramitación e de autorización das instalacións e das súas obras sempre foron "un escollo importante que atrasou e frustrou moitos proxectos. Hai uns meses as administracións fixeron un gran esforzo por axilizar o seu traballo e cónstanos que o fixeron sen variar un chisco o rigor do mesmo", sinala o presidente da CEG.
 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.