A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) expón basear a mellora da recadación tributaria no incremento das bases impoñibles –fomentando o crecemento económico, que é a verdadeira panca do emprego-e na loita contra a fraude fiscal, para conseguir establecer un novo sistema tributario español que resulte eficiente, neutral e competitivo.
O esforzo que nos últimos meses fixeron as distintas administracións a fin de minorar os efectos da crise provocada pola pandemia foi ímprobo, orixinando como consecuencia un importante incremento da débeda pública. Aínda sendo conscientes da necesidade de reverter esa situación, non compartimos como solución as modificacións impositivas que acompañaron os Orzamentos Xerais do Estado para 2021, nin tampouco os de 2022 e que implican unha subida considerable da presión fiscal que se exercerá sobre os contribuíntes en xeral e especialmente sobre as empresas que asumirán tres de cada catro euros recadados en base ás devanditas modificacións.
Máis ben, perante a conxuntura actual, consideramos moito máis efectivo reducir a presión fiscal, tal e como fixeron países da nosa contorna, facilitando desta forma a rexeneración da actividade económica e preservando a capacidade de recuperación e investimento das empresas, tendo en conta que neste momento aínda estamos lonxe de recuperar os indicadores anteriores á pandemia.
A reforma fiscal que necesitamos, debe articular un modelo que implique baixadas nos impostos sobre a renda, incentivos para atraer investimento e talento ou a harmonización á alza de determinados impostos como o de Patrimonio.
Consideramos que se fai necesario, máxime nestes momentos, actuar nun sistema fiscal moito máis simplificado, modificando e mesmo eliminando do sistema tributario español algún dos impostos que afectan directamente á continuidade de moitas empresas, especialmente as empresas familiares, como son o Imposto de Patrimonio ou o de Sucesións e Doazóns.
Necesitamos gañar competitividade fiscal; neste momento España está un 12,8% por encima da media da Unión Europea en termos de presión fiscal normativa.
Galicia: un marco fiscal claro e competitivo
O escenario actual no que as empresas galegas actúan debería ser o suficientemente atractivo para captar investimentos produtivos.
Para iso, Galicia debe optimizar as posibilidades que o marco estatal ofreza para minorar a presión fiscal sobre o tecido empresarial; contar cun marco fiscal claro e transparente que ofreza ás empresas seguridade xurídica e evitar situacións que poñan en risco a viabilidade e mesmo a supervivencia das empresas establecidas.