O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e a presidenta da Comisión Mar-Industria da CEG, Isabel Cañas, mantiveron unha reunión con Susan Steele, directora executiva da EFCA-Axencia Europea de Control da Pesca, para tratar a actualidade máis inmediata e para trasladarlle as necesidades do sector mar industria.
Coincidindo co encontro informal de ministros de Agricultura e Pesca que se celebra en Vigo, estes días, aproveitaron para explicarlle o labor da Comisión Mar-Industria da CEG, recentemente creada, e analizaron os principais problemas do sector pesqueiro en Galicia e España, que "sería desexable fosen abordadas no devandito encontro, aínda que parece que non vai ser así".
A prioridade é a problemática da expulsión de barcos en España, Portugal, Francia e Irlanda, en zonas consideradas como ecosistemas mariños vulnerables. "É imprescindible que se teñan en conta os preceptivos informes de impacto socioeconómico que esta medida terá". Por iso, expoñen, e así o informaron, da necesidade de que sexan comisarios diferentes os que se encarguen de Pesca e de Medio Ambiente e Océanos.
Entre outros asuntos, falaron sobre a renovación da frota, da transición enerxética, da firma de acordos comerciais negociados pola UE con terceiros estados e que afectan á pesca e industria trasformadora ou das últimas decisións e plans sobre os que está a traballar a UE que han implementado límites ás áreas de pesca e que previsiblemente poden ser máis restritivas aínda. "É necesario racionalizar o necesario equilibrio entre a sustentabilidade do medio e o necesario aproveitamento dos recursos pesqueiros da UE", sinalan.
"Actualmente o 70 % dos produtos pesqueiros que se consomen na Unión Europea proceden do exterior. Isto mostra un desequilibrio na balanza comercial europea de produtos do mar e unha dependencia do exterior. Para unha competencia xusta, é preciso que todos os produtos importados cumpran as normas e os criterios alimentarios pertinentes da UE, incluídos os do PPC, así como as normas sanitarias, laborais e de seguridade dos buques e establecemento industriais, as obrigacións en materia de sustentabilidade e medio ambiente. Por iso, consideramos importante retornar o polo de decisión á UE, xa que Europa perdeu peso fronte ao eixo USA-ASIA neste sector", subliñou o presidente da CEG.