XORNADA CEG & IBERDROLA. Plan europeo para a industria: Descarbonización e aforro enerxético.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) organizou, en Santiago de Compostela, unha xornada, co patrocinio de Iberdrola, "Plan europeo para a industria: Descarbonización e aforro enerxético".
Durante a cita, abordáronse os ambiciosos obxectivos climáticos marcados no seo da Comisión Europea que puxeron en marcha todos os mecanismos para chegar a cero emisións netas no 2050. Neste sentido, o presidente da CEG explicou que "o conxunto de España o sector industrial é responsable do 21% do total das emisións de gases de efecto invernadoiro, polo tanto, a transición cara a procesos máis sustentables será un elemento clave para alcanzar a neutralidade de emisións. Temos por diante menos de tres décadas para culminar un proceso transformador no que xa estamos inmersos e que xa está a provocar cambios industriais, económicos e xeopolíticos".
Pola súa banda, Francisco Silva, delegado Iberdrola Galicia, patrocinadores do evento, incidiu en que "a descarbonizacion industrial é un reto e Galicia non pode perder este tren. Tocounos a lotaría das enerxías renovables en Europa; temos vento na terra e no mar, temos auga, montes que permiten o almacenamento enerxético e biomasa. Uns recursos renovables, autóctonos e limpos privilexiados que debemos aproveitar para o emprego e o desenvolvemento de Galicia. O quecemento global continúa e debemos traballar para frealo. Non podemos depender de combustibles fósiles que non temos. A transición ecolóxica está en marcha, e garante a mellora do medio ambiente, da economía, do emprego, da saúde pública e da seguridade de subministración e independencia enerxética".
Juan Manuel Vieites fixo referencia ao contexto que vivimos "enfrontámonos ao desafío da descarbonización nun contexto no que padecemos a alza dos prezos as materias primas e os combustibles, a rotura das cadeas de subministración, os efectos da invasión rusa de Ucraína e moi atentos ao que está a ocorrer entre Israel e Palestina. Celebramos esta xornada co ánimo de pór en valor os avances que están a facer as nosas empresas para descarbonizar a súa actividade e para ser cada día máis sustentables, ao mesmo tempo que trataremos de abordar os retos que aínda temos por diante".
Abordouse o Plan Industrial do Pacto Verde da Unión Europea, que nace para favorecer a capacidade de fabricación da UE baixo os principios de cero emisións e aséntase en catro puntos fundamentais que teñen que ver cun marco regulador previsible e simplificado, o acceso acelerado ao financiamento, a mellora das capacidades e o comercio aberto para as cadeas de subministración resilientes. Sobre esta cuestión, desde a CEG fixeron fincapé en que "todos eles son, sen dúbida, puntos críticos que veñen sendo motivo de preocupación para as empresas. A diversa e cambiante normativa á que teñen que atender as empresas e a falta dunha ordenación e dunha estabilidade, son elementos que non contribúen a ofrecer seguridade xurídica aos investimentos e que por tanto, restan competitividade".
Destacouse que resulta imprescindible contar coa colaboración de todos os axentes implicados nesta transición para poder establecer un marco normativo ordenado, sólido e estable, que sexa garantista co medio ambiente, co benestar da sociedade e que achegue a seguridade xurídica que necesitan os investimentos para ser o motor dun crecemento sustentable e constante.
Por outra banda, sinalouse tamén que o proceso de descarbonización supón unha oportunidade. "É o momento de apostar, como xa estamos a facer, por unha reindustrialización que sexa fonte de creación de emprego verde e de calidade, e que permita recuperar o peso relativo que nos últimos anos perdeu o sector industrial en xeral e a industria manufacturera en particular. Para iso debemos acometer a electrificación da economía e dar o impulso definitivo ás enerxías renovables, aproveitar a experiencia adquirida na implantación de tecnoloxías como a solar ou a eólica terrestre que deben seguir avanzando e no desenvolvemento e instauración de novas tecnoloxías vinculadas ao hidróxeno, á eólica mariña ou a biomasa. Xestionar de forma eficaz unha posición de partida vantaxosa, será a clave para aumentar a nosa competitividade e o noso crecemento. Temos que facilitar e acelerar a posta en marcha de proxectos enerxéticos que permitan á súa vez a implantación de proxectos industriais, para os que o custo enerxético é un factor clave".
Vieites destacou que "é o momento tamén de apostar pola economía circular e pola integración da dixitalización e a eficiencia en todos os procesos vinculados á cadea de valor. Debemos traballar no fomento da innovación e a transferencia do coñecemento para lograr unha aplicación óptima de solucións innovadoras nos procesos industriais. É o momento de apostar pola adaptación e a capacitación do noso principal activo, o capital humano".
Por último, non quixeron esquecerse de que o proceso de descarbonización é tamén unha fonte de creación de novos empregos "que necesitarán que nos anticipemos e adaptemos unha oferta formativa que permita dar resposta a novas necesidades, mellore a empleabilidad das persoas e contribúa á cohesión social e a erradicación da pobreza".
Ademais do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, no evento participaron: Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia; Nicolás Vázquez Igrexas, secretario xeral de Industria, da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia. O relatorio "Plan industrial do pacto verde da UE, o camiño para a industria de cero emisións" estivo a cargo de Carlos Gómez, secretario xeral da Comisión Europea, Unidade responsable de Dixital Transition, Industry & Single Market.
Tamén se desenvolveron diversas mesas redondas, a primeira baixo o título "Crise enerxética e obxectivos climáticos, perspectivas de futuro", con Tatiana López, presidenta e CEO Nanogap; Antonio Casal, director territorial en Galicia de Ence; Emilio Bruquetas director xeneral de Reganosa. A segunda: "Retos da industria manufacturera para a neutralidade de emisións", con Rafael Landín, delegado institucional de Iberdrola, como moderador; Rebeca Acebrón, CEO de Acebron Group; Pablo López, director de Servizos Técnicos e de Pintura de Stellantis Vigo; Iván Alonso-Jáudenes, director xeral de Conservas Antonio Alonso; e Antonio Fonseca, vicepresidente executivo Grupo Terras Gauda. A última mesa redonda titulada "A descarbonización da cadea de valor", estivo moderada por Pablo Mañó, responsable de Descarbonización Industrial en Iberdrola e participaron Pablo Núñez, delegado en Galicia do Ilustre Colexio Oficial de Geólogos; Miguel Prada, responsable comercial en España de Ecoforest; Cristina Vázquez, directora de Operacións en Teimas; e Eladio Pérez, director xeral de Sogapol.