A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) afirma que "a falta de compromiso do Estado español con Galicia pode relegar unha vez máis o noso desenvolvemento económico e social, limitando o crecemento, a competitividade rexional e as oportunidades de mobilidade eficiente".
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, sostén que o obxectivo era, como xa o avanzou hai uns días, conseguir que España apostase pola conexión férrea con Portugal desde Galicia, conseguindo a vertebración por alta velocidade do eixo Galicia - Porto, como si o fai Portugal.
A Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo (ECDT) aprobada no Cumio Luso-Español celebrado no ano 2020 recollía xa como unha das accións previstas en relación ás infraestruturas e a conectividad territorial dar prioridade á finalización das infraestruturas do Corredor Atlántico, así como modernizar as infraestruturas ferroviarias da conexión do eixo atlántico hispano-luso.
Estas demandas manifestáronse nos sucesivos cumios hispano-portugueses, como no último celebrado en Lanzarote, en marzo do pasado ano, no que os gobernos de España e Portugal emitiron unha declaración conxunta.
Vieites cualifica a situación como "totalmente inadmisible. Os recursos públicos débense empregar en loitar contra as disparidades e cohesionar territorios". Explica que a ligazón ferroviaria Vigo-Porto é vital para potenciar o desenvolvemento económico e a integración transfronteiriza do noroeste da Península Ibérica. "Non se pode seguir perpetuando o desequilibrio existente nos investimentos e oportunidades de desenvolvemento da nosa rexión. Co pretexto de 'dispor dunha oferta de transporte rápida, cómoda e sustentable entre as capitais de ambos os países', hoxe espertámonos co titular publicado na web do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable: España comprométese durante o cumio con Portugal a impulsar a alta velocidade entre Madrid e Lisboa para 2030".
Por iso, incide en que "é imperativo darlle a relevancia e a urxencia necesarias á construción deste nexo vital para o desenvolvemento económico e social de ambos os territorios. Esta falta de aliñación de Pedro Sánchez e o Goberno de España prexudica tanto aos viaxeiros como aos empresarios e aos traballadores, xa que limita as oportunidades de mobilidade eficiente e atrasa os beneficios económicos derivados dun mellor acceso a mercados estranxeiros".
Ademais, sostén que "España debe estar á altura e corresponder o compromiso xa subscrito por Portugal de que Vigo e Porto estean conectados por Alta Velocidade en 2032".
Dende a CEG existe preocupación polo atraso na infraestrutura de transporte ferroviario entre España e Portugal. "Este tipo de conexións son esenciais para facilitar o comercio transfronteirizo, atraer investimentos e mellorar a competitividade das empresas galegas. O atraso na creación dunha conexión ferroviaria de alta velocidade supón un prexuízo directo para as empresas galegas, que perden oportunidades de negocio e competitividade fronte a outros países con infraestruturas mellor desenvolvidas", din.
Vieites engade que "fai tan só un par de días, insistíamos en que a nosa comunidade sufriu durante anos unha falta de investimentos en conexións ferroviarias que permitan un transporte rápido e cómodo, tanto para pasaxeiros como para mercadorías. Nos últimos meses, escoitamos reivindicacións e proxectos respecto da conexión ferroviaria de España e Portugal, como a conexión entre Madrid e Lisboa ou a conexión entre Sevilla e Faro".
E subliña que "con independencia do que ocorra con estas conexións, Galicia e Norte de Portugal necesita unha conexión de primeiro nivel por ferrocarril en 2032".
A Confederación de Empresarios de Galicia manifestou en repetidas ocasións a necesidade de aumentar os investimentos en infraestruturas viarias "para asegurar que Galicia poida competir en igualdade de condicións con outras rexións de Europa", por iso esperaban que España asumise o mesmo compromiso e en 2032 as cidades de Vigo e Porto estivesen conectadas por ferrocarril nun traxecto de menos dunha hora, 50 minutos segundo a planificación portuguesa.
Da declaración conxunta emanada da celebración do XXXV Cumio hispano-portugués, celebrado onte en Faro, é posible extraer distintos compromisos que dende a CEG celébranse, como son a intención de continuar promovendo a cooperación transfronteiriza en ámbitos e sectores estratéxicos para o futuro da transición climática, dixital e enerxética en España e Portugal.
"Dende a CEG entendemos que para o cumprimento deste desiderátum é fundamental a cohesión e conexión por alta velocidade entre Galicia e Portugal e con todo, como colofón de todas estas vontades, compromisos e propostas e a pesar de afirmar que se impulsarán as conexións comprendidas no Corredor Atlántico, priorízase e faise fincapé na conexión ferroviaria Madrid-Lisboa, tratando a conexión Vigo-Porto como un mero complemento".