A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reuniuse coa candidata do BNG á Xunta de Galicia, Ana Pontón.
A CEG expón á candidata do BNG á Xunta que "Galicia necesita un goberno estable e non radicalizado, que aposte pola industrialización e apoie ao tecido empresarial", facendo especial mención aos autónomos e ás pequenas empresas.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites lembrou que desde a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) consideran que "as empresas deben ser parte activa nos procesos de análises e toma de decisións que afectan á nosa actividade, como alicerce fundamental para a formación dun ecosistema incentivador de investimentos e para evitar ver comprometida a competitividade e con iso o crecemento económico de Galicia".
Por iso, subliñou que "son moitos os motivos de preocupación a atender para non lastrar o desenvolvemento de Galicia: unha desaceleración da actividade económica e un incremento dos custos laborais, financeiros e de produción, ademais de facer fronte ademais aos importantes retos que se derivan dos procesos de reindustrialización e de transformación de modelo produtivo que estamos a acometer".
Durante a reunión falaron das distintas preocupacións do empresariado. En canto á transición enerxética e o cambio do modelo produtivo advertíronlle que "non serán posibles sen sentar as bases da colaboración entre as diferentes administracións con competencias en materia enerxética e a axilización nas tramitacións de proxectos".
Sinalan que "se non se axilizan os trámites, se axustan os prazos dos procedementos e se regula de forma clara e estable non se evitarán as paralizacións e demoras nos proxectos, como a revisión en sede xudicial das autorizacións obtidas e da que se derivan importantes perdas que lastran o desenvolvemento económico de Galicia".
Vieites incidiu en que "o Goberno ten que garantir que a modificación da planificación eléctrica 2021-2026 sexa clara e adecuada para asegurar a viabilidade dos proxectos estratéxicos que actualmente se están desenvolvendo no marco dos obxectivos de descarbonización e reindustrialización. Tamén ten que acelerar o despregamento das enerxías renovables e abordar decidida e conxuntamente a aceptabilidade dos proxectos. E dar o impulso definitivo ao desenvolvemento da eólica mariña, articulando os mecanismos de apoio necesarios que permitan despegar e aproveitar todo o seu potencial e establecendo un marco regulatorio actualizado, estable e que garanta a compatibilidade das diferentes actividades económicas e o cumprimento dos obxectivos de descarbonización".
Neste sentido, tamén falan de facer efectiva a conexión de Galicia á rede do hidróxeno para aproveitar o potencial galego na produción a nivel local a partir de recursos dispoñibles no territorio,"evitando o illamento e a penalización na competitividade do tecido produtivo en xeral e do sector industrial en particular".
Engaden que hai que "compasar o ritmo da descarbonización ao do resto de territorios para non perder competitividade como consecuencia de condicións menos restritivas noutros países ou rexións, con calendarios realistas e esixencias que non afoguen a actividade empresarial, sen perder de vista os obxectivos climáticos fixados".
En canto ao sector mar industria detallan que "é necesario modificar a Lei do Solo e no seu caso nos desenvolvementos regulamentarios da mesma, para que sexa posible ampliar as instalacións xa existentes na franxa dos 100 metros de servidume, de propiedade privada. E defender os intereses galegos en relación coa normativa reguladora de costas e ordenación do litoral. É imprescindible un marco que dea seguridade xurídica e protección aos establecementos do litoral xa existentes e aos de nova creación".
Entre o empresariado galego existe unha gran preocupación ante a desaceleración da actividade económica e a redución do investimento en Galicia nos últimos anos, ou os incrementos dos custos laborais, financeiros e de produción, "o cal supón un risco para o mercado de traballo e a economía en xeral. Resulta esencial impulsar a actividade económica, o crecemento e a xeración sostida de emprego. Isto debe facerse apoiando ás empresas nesta contorna de incerteza, evitando que calquera medida adoptada introduza rixideces e custos adicionais que poidan frear o xa ameazado ritmo de creación de emprego".