A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebrou, en Santiago, a xornada informativa "Benestar e produtividade: Estratexias para combater o absentismo laboral desde a prevención dos riscos psicosociais", en colaboración coa Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais e co financiamento da Xunta de Galicia.
Expertos na materia analizaron este fenómeno dende diferentes perspectivas, compartindo estratexias efectivas e boas prácticas para a súa prevención e xestión.
Dende a CEG sinalan que “o absentismo laboral, que afecta gravemente á competitividade e produtividade das empresas, presenta unha problemática de xeometría variable. Este fenómeno responde a múltiples factores, entre os que destacan os riscos psicosociais. En Galicia, a situación é particularmente preocupante debido aos índices elevados que repercuten directamente nos custos empresariais e na capacidade das organizacións para competir nun mercado cada vez máis esixente”.
Así mesmo, reafirman o seu compromiso de “traballar en conxunto con empresas, traballadores e a Xunta, a través do ISSGA, para impulsar políticas que reduzan o absentismo a través da prevención de riscos psicosociais, e a mellora da xestión empresarial en aspectos como o clima e a mellora da comunicación interna. Só así se garantirá unha contorna laboral saudable, competitivo e produtivo para Galicia”.
Tamén subliñan que “segundo datos recentes, o tecido empresarial galego inclúe máis de 241.000 empresas activas, das cales o 60% son autónomos, un segmento especialmente vulnerable para os efectos do absentismo. Os empresarios galegos expresamos a nosa preocupación por esta situación, nun contexto onde os custos asociados ao absentismo agrávanse por outros desafíos como o prezo da enerxía e as materias primas, que afecta ao 50,5% das empresas da rexión”.
Expertos nacionais e internacionais coinciden en que a prevención de riscos psicosociais é clave. En Galicia, a Confederación de Empresarios avoga por “ademais das estratexias de control son precisas estratexias que incidan no benestar para reducir o impacto do absentismo. A nivel internacional, empresas líderes implementan boas prácticas como programas de apoio psicolóxico, mellora na comunicación interna e promoción da conciliación”.
A nivel empresarial, destacan que “o paso esencial, sumado ás medidas de control do absentismo, é investir en medidas preventivas de riscos psicosociais e fomentar unha cultura laboral saudable. A Xunta de Galicia xa colabora coas organizacións para desenvolver políticas de diálogo social, buscando solucións a longo prazo”.
A inauguración da xornada correu a cargo de José Manuel Maceira, secretario xeral adxunto da CEG, e Adela Quinzá-Torroja, xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).
Nas mesas de debate tiveron unha participación destacada os membros da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais como entidade colaboradora: Carlos Montes, presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL) e Antonio Vázquez, membro da xunta directiva da SGPRL e consultor senior en PrevenControl.
Contou tamén coa presencia de Cristóbal Piñón, técnico da dirección de prevención de Ibermutua; César André, xefe da sección de Ergonomía e Psicosocioloxía aplicada do ISSGA; María de los Angeles Lozano, de CommCenter; José Luis García, de Tecalis; e José Antonio Neira, director do departamento de Relacións Laborais e Asersoría Xurídica da CEG.