A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) decidiu convocar Asemblea Xeral Electoral para o próximo día 24 de novembro para a elección á Presidencia á patronal galega e con este único asunto na orde do día. Tal e como rezan os Estatutos da organización, pódense presentar candidaturas ata o sétimo día anterior ao da elección.
Así se decidiu por unanimidade -do mesmo xeito que os demais acordos adoptados-, nas reunións dos órganos directivos da CEG celebradas esta mañá de forma telemática. Entre os asuntos tratados na orde do día figuraron as liñas de actuación para o Diálogo Social -con especial atención ás consecuencias derivadas da pandemia COVID-19-; e a
información sobre as contas da patronal galega.
Para a celebración da Asemblea Xeral Electoral e no que respecta a as propostas para a elección, unicamente poderán ser presentadas por organizacións integradas na mesma -confederacións provinciais ou asociacións sectoriais-, permitíndose a cada organización presentar unha soa candidatura. Ademais, o aspirante deberá ser membro da Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Galicia. Así o recollen os Estatutos da mesma.