En virtude do acordo dos órganos de dirección da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), tras a reunión do pasado 17 de abril, constituíuse a Comisión Mar-Industria, como un órgano de asesoramento á entidade empresarial nesta materia.
Desde a CEG explican que a comisión conta cunha ampla representación do sector nos seus diferentes ámbitos: extractivo (pesca e marisqueo), depurador, transformador, distribuidor e comercializador, entre outros. Na reunión constitutiva analizáronse os temas sobre os que traballarán, nas próximas semanas, "coa idea de integrar e cohesionar as necesidades do noso tecido empresarial e defendelas ante a administración autonómica, ante a administración xeral do Estado e ante a Unión Europea", apuntou Juan Manuel Vieites.
Nas próximas semanas, a comisión aprobará un primeiro documento de traballo, para ser trasladado ás administracións competentes. Entre as cuestións que exporán, subliñan a necesidade de potenciar a marca Galicia no sector, defender os intereses galegos en relación coa normativa reguladora das costas e o litoral. Inciden tamén en que "hai que abordar o dramático descenso do consumo dos produtos derivados da pesca e os seus transformados, nos últimos meses, así como o continuar avanzando na modernización e transformación do sector, baixo criterios de dixitalización, sustentabilidade, etc."
Nesta primeira reunión, como non podía ser doutra maneira, foi obxecto de estudo, á súa vez, a próxima presidencia española da UE, que terá lugar no segundo semestre deste ano. A comisión prepara tamén unha vista preliminar das iniciativas e propostas que deberían ser abordadas durante a devandita presidencia.
O presidente da CEG subliña que "puxemos sobre a mesa a problemática da falta de materia prima e determinados produtos. E debemos facer unha mención especial á delicada situación que atravesa a pesca de fondo. Sen dúbida, nun día tan sinalado como o é o Día de Europa, que celebramos o 9 de maio, e coa creación desta comisión non pasou desapercibido o papel que a Comisión Europea debe xogar en favor do sector da pesca, en particular coincidindo cunha xornada de reivindicacións e protestas contra as políticas comunitarias, que prevén prohibir a pesca nun terzo das augas en 2030".
Outros asuntos de interese que serán estudados por esta comisión e nos que lembran que se debe seguir traballando son a Importancia da substitución xeracional, o aumento dos prezos e o dramático descenso do consumo do peixe. E advirten que "debemos aglutinar esforzos, cohesionar as mensaxes e traballar xuntos, para pór en valor as pesqueiras e a dieta do peixe; habemos de facer un seguimento exhaustivo dos de acordos comerciais de España e Galicia con outros países da UE e, sobre todo, insisto situarnos contra unhas políticas comunitarias europeas unilaterais e que resultan case irracionais, e que van en contra dun sector que aglutina numerosas empresas e que mantén a moitas familias en Galicia".