O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, mantivo unha reunión co director de Stellantis Vigo, Ignacio Bueno, para coñecer os plans da planta e apoiar medidas para os seus principais retos de futuro.
Desde Stellantis compartiron as principais claves de futuro, como a demandada conexión á rede eléctrica de Moi Alta Tensión ou a necesidade de obter axudas públicas que favorezan a competitividade actual e a industrialización dunha nova plataforma vehículo en Vigo, "o que suporía importantes investimentos de Stellantis nesta rexión".
Desde a CEG subliñan que a máxima preocupación é que o Goberno de España e, en particular, o Ministerio de Industria aposten e apoien a participación de Stellantis nun proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE), que se convocará este ano.
Neste sentido, Vieites insistiu en que é unha boa noticia o anuncio do Goberno dunha nova convocatoria do PERTE VEC, para dar encaixe aos fabricantes que quedaron fóra. "É sumamente importante unha prolongación dos prazos de execución dos proxectos na segunda convocatoria de axudas do PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado, pois o primeiro tiña como data límite 2026, deixando fóra a moitos fabricantes, como foi o caso de Stellantis Vigo. Resulta imprescindible solicitar que este compromiso se materialice canto antes e que dea satisfacción ás demandas de Stellantis na nova convocatoria".
O presidente da CEG comprometeuse a realizar as xestións oportunas para apoiar esta petición e que Stellantis poida verse beneficiado de cara á segunda convocatoria do PERTE do automóbil. "É capital apostar pola planta galega de Stellantis e garantir a súa competitividade no futuro".
Desde ambas as dúas partes coinciden en que os fondos europeos "son unha oportunidade que non podemos deixar de aproveitar para reforzar o posicionamento do sector da automoción en Galicia".
O Ministerio para a Transición Ecolóxica anunciou que, antes do 31 de marzo, realizará as modificacións oportunas na Planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica. Así pois, aseguran que "unha subestación é clave para dotar á fábrica de automóbiles de Stellantis e a toda a zona industrial de Vigo de maior seguridade de subministración". Desde a CEG apoiarán esta medida, facendo un seguimento da mesma para que logre materializarse no prazo que se comprometa.
Stellantis é unha referencia en electrificación, pero tamén aposta forte polos coches de hidróxeno. É por iso que desde a CEG incidiron en que "existe a necesidade de que instemos as administracións a realizar un esforzo e promover proxectos e iniciativas, para que Galicia non quede descolgada do corredor do hidróxeno".
No que respecta ás mercadorías instan a contar canto antes cun Plan director para o Corredor Atlántico, agora que foi nomeado por fin un comisionado do Goberno.
Pola súa banda, desde Stellantis, quixeron deixar constancia de que son "unha empresa profundamente enraizada en Galicia" e que a súa relación coas entidades da contorna "é moi estreita". Nesta reunión repasaron as súas visións respecto dos principais asuntos de interese para o tecido industrial de Galicia e máis especificamente para o sector de automoción, "que se atopa en plena transformación", din desde Stellantis.
"Coincidimos na relevancia que ten para a actividade económica en Galicia o corredor ferroviario atlántico e o encontro serviu tamén para trasladarlle ao presidente da CEG nosa maior disposición para colaborar en todo aquilo que contribúa a mellorar a competitividade das empresas de Galicia", termina Bueno.