CEG

 

A CEG aplaude as medidas postas en marcha por Medio Ambiente para reactivar o tecido empresarial e fomentar novas implantacións en chan industrial

Medidas postas en marcha pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Os catro vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e representantes á súa vez das confederacións provinciais de empresarios, Antonio Fontenla, Jaime López, Marisol Novoa e Jorge  Cebreiros, valoran positivamente as medidas de estímulo económico promovidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda e das que foron informados esta mañá por videoconferencia pola propia conselleira, Ángeles Vázquez.

A CEG considera que é esencial contar nestes momentos co compromiso da administración co empresariado, polo que aplauden a súa áxil resposta poñendo en marcha un paquete de medidas con condicións vantaxosas para as compañías asentadas en Galicia co obxectivo de axudalas a soportar economicamente a actual situación, así como aos incentivos para fomentar novas implantacións empresariais en polígonos industriais. 

FLEXIBILIDADE DE PAGOS

Así, a posta en marcha de flexibilidade nos pagos é unha das fórmulas imprescindibles para reducir o impacto da crise provocada polo coronavirus, neste caso sobre o sector industrial, permitíndonos seguir avanzando cara a unha paulatina reactivación económica e empresarial, o que claramente deriva na posibilidade de supervivencia das compañías no tempo e polo tanto no mantemento dos postos de traballo.

Desta forma, a patronal galega celebra a concesión dun período adicional dun ano para o pago do canon ás empresas con parcelas adxudicadas en dereito de superficie e o de tres anos para empezar a pagar o canon no caso de novas adxudicacións.
Igualmente a CEG valora a prórroga de doce anos en lugar de dez da que dispoñerán as empresas para manter as opcións de compra cun desconto do 40% das cantidades satisfeitas ata ese momento; e a de seis meses -no canto dun como no momento actual-, para abonar a compra de parcelas desde a notificación da adxudicación.

Finalmente, e dada a importancia do sector da construción para Galicia -que afecta a ao redor de 20.000 autónomos na comunidade-, os representantes da patronal galega aplauden a interpretación levada a cabo polo Executivo autonómico que permite a continuidade das obras de rehabilitación en edificios ocupados, priorizando en todo caso o mantemento das medidas de seguridade, hixiene e protección necesarias para evitar contaxios. 


 

 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.