A CEG subliña a importancia fundamental dos convenios colectivos “para articular incrementos salariais de forma sostible e acorde coas condicións económicas de cada sector e territorio, máis que a través de medidas illadas e unilaterais”
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) manifesta con rotundidade unha denuncia ante a falta de respecto que o Goberno mostra polo diálogo social, tras a filtración aos medios de comunicación dunha nova proposta de actualización do salario mínimo interprofesional (SMI), antes de expoñela na propia mesa de negociación.
Desde a CEG, apoiando a posición defendida por CEOE e CEPYME, fan unha valoración firmemente crítica ante a nova proposta do Goberno. O presidente do empresariado galego, Juan Manuel Vieites, aclara que “o anuncio de medidas -incluídos incentivos fiscais elaborados por Facenda para compensar os custos da alza do SMI- non só foi coñecido primeiro polos medios de comunicación, senón que tamén presenta condicións inalcanzables e excluíntes para un gran número de empresas, o que evidencia unha falta de consideración cara á realidade económica do noso tecido produtivo”.
Engade que “esta forma de proceder, á marxe do diálogo social, é puro intervencionismo, debilita o modelo de concertación establecido no artigo 7 da Constitución e rompe coas prácticas de negociación colectiva que permitiron, durante décadas, alcanzar acordos equilibrados entre traballadores, empresas e poderes públicos. A subida do SMI e as súas implicacións deber ser froito da negociación no marco do diálogo social, non de decisións parciais ou de decretos lei impulsados unilateralmente polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que corren o risco de situar cargas adicionais e non compensadas sobre as empresas sen mellorar realmente as condicións de competitividade”.
Neste sentido, subliña “a importancia fundamental dos convenios colectivos e os acordos sociais como ferramentas para articular incrementos salariais de forma sustentable e acorde coas condicións económicas de cada sector e territorio, máis que a través de medidas impulsadas de forma illada e unilateral desde o Goberno”.
Deste xeito, a CEG súmase ás denuncias de CEOE e CEPYME, xa que despois da reunión, deste xoves, do seu Comité Executivo extraordinario, decidiron por unanimidade non apoiar a proposta de subida do SMI exposta polo Goberno. Alegando que, en definitiva, non se puideron seguir os procesos mínimos de consulta propios do diálogo social, xa que non se recibiu ningunha proposta en firme na mesa de negociación, e “en plena descoordinación e conflito entre ministerios sen precedentes”.
Por todo iso, Juan Manuel Vieites, afirma que a CEG se suma á advertencia de que “esta subida é unha trampa. O Ministerio de Traballo pactou cos sindicatos o cambio nas regras da compensación e absorción dos incrementos do salario mínimo, saltándose de novo o Estatuto dos Traballadores e crebando a negociación colectiva, o que levará a un incremento exponencial dos custos e asfixiará a gran número de empresas”.
“Este Goberno ampárase na política do anuncio e a posta en escena”, critica Vieites. Sobre o contido da proposta, coñecido a través da prensa, sinala que supón a substitución da indexación dos contratos públicos “por fórmulas que non compensan os custos asociados á actualización do SMI exposta, de costas ao compartido por todos os interlocutores do diálogo social bipartito no AENC”.
Desde CEG, CEOE e CEPYME, explican que se deixa fóra a todos os autónomos e á inmensa maioría das empresas de todos os sectores. E exclúe tamén ás empresas en perdas, ás cooperativas e ás entidades sen ánimo de lucro. Ademais, establece condicións inalcanzables para a maioría das empresas e, sobre todo, supón unha nova inxerencia na negociación colectiva e a liberdade de empresa.
Contacta coa
CEG